O CRAEGA reúne nunha guía aos produtores ecolóxicos que serven a domicilio

Dende o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) puxeron en marcha pouco despois de que comezara o confinamento unha guía de venda online para achegar o producto ecolóxico ao consumidor, que van actualizando progresivamente e na que xa se anotaron 22 empresas certificadas que serven os seus pedidos a domicilio. 

"Para nós, o importante é que os consumidores teñan ao seu alcance a mellor alimentación posible”, recalcou o seu presidente Francisco López Valladares, consciente das dificultades que supoñen o peche de canles de distribución convencionais como a hostalería e os mercados tradicionais, que sitúan a moitos produtores en serias dificultades para dar saída á súa colleita. 


"Son moitos os operadores certificados que recorren a estas canles curtas para comercializar os seus produtos. De aí que, xa desde ese primeiro momento, optaramos por poñer en marcha unha guía online que lles servira de soporte a todos eles para seguir adiante coa súa actividade”, recalca López Valladares. 



Aínda que nun primeiro momento a guía estaba dirixida unicamente a produtores, pouco a pouco fóronse sumando empresas transformadoras e comercializadoras que tamén prestan servizo a domicilio. Desde xeito, ademais de hortalizas, froitas, carne (de vacún e de polo) ovos, algas ou infusións, na plataforma tamén é posible mercar conservas ou viño. A plataforma actualízase diariamente para recoller as novas incorporacións que chegan ao Consello. 

Á marxe da plataforma de venda online de produto ecolóxico, o Craega colabora coa Consellería do Medio Rural en Mercaproximidade, unha iniciativa que nace para achegar a produción de agricultores, gandeiros e industrias á gran distribución. O proxecto impulsado tamén durante estado de alarma está a suscitar gran interese entre os operadores certificados e, polo momento, xa remitiron a súa solicitude 13 inscritos.