Muiños estreará senda peonil a carón do encoro das Cunchas

Plácido Álvarez
O Concello de Muiños no Xeodestino Terra de Celanva Baixa Limia estreará coa volta á normalidade unha nova senda peonil que comunica a zona fluvial do Corgo coa illa de Pazos. Trátase dun camiño executado no marco do proxecto europeo " POCTEC Raia Termal" liderado pola Confederación Hidrogáfica do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e as cámaras portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro como socios portugueses.

A actuación levou a cabo no primeiro trimestre do ano, coincidindo a súa finalización coa aprobación do estado de alarma, polo que aínda permanece sen inaugurar e á espera do paseo dos primeiros veciños e visitantes. 

A ruta acondicionouse na marxe esquerda do encoro das Cunchas, nunha zona de gran valor paisaxístico con arboledo autóctono e vistas cara á masa de auga, cos restos do campamento romano e da zona termal de Bande ao fondo. 

Trátase dun trazado de case dous quilómetros de lonxitude, con zonas de descanso e varias pasarelas de madeira elevadas para sortear a orografía do terreo, desde o complexo turístico e deportivo do Corgo, nas inmediacións da praia fluvial, ata a zona coñecida como illa de Pazos. 

"É un espazo que se conforma cando o encoro está cheo", subliña o alcalde Plácido Álvarez, á vez que matiza que a intervención incluíu dúas obras menores de mellora dos accesos das praias fluviais do Corgo e Rañadoiro.