Mesa Provincial do Turismo Deputación de Pontevedra: en maio se coñecerán as primeiras análises e medidas


Deu conta da posta en marcha do Estudo de Impacto do COVID19 no sector turístico a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva, presidindo a reunión telemática da Mesa Provincial do Turismo, “cara a poder activar con decisións serias o Plan de Reactivación do destino Rías Baixas –Pontevedra Provincia”. Trátase do primeiro estudio rigoroso sobre as consecuencias da situación no sector do que en maio se coñecerán as primeiras análises e medidas a adoptar. “Somos conscientes das dificultades e do enorme interese do sector turístico para esta provincia”, asegurou a presidenta, ao tempo que amosou o seu orgullo pola vontade do sector público e privado de colaborar conxuntamente para saír da situación e o seu optimismo pola posición que mantemos con respecto a outros destinos” 

Silva instou “á cooperación público-privada para saír desta crise” e ofreceu o seu compromiso “para colaborar con outras administracións e demandar que lideren o apoio ao sector atendendo as súas competencias”. Na Mesa participaron representantes do sector público e privado da provincia, entre eles e elas, a Directora de Turismo da Xunta de Galicia, o alcalde de Baiona e representantes dos concellos de Cangas, Pontevedra e Sanxenxo, a presidenta da Mancomunidade do Salnés e Alcaldesa de Meis, representantes do GALP Ría de Vigo e Ría de Pontevedra, representantes da Ruta do Viño, o presidente do Clúster de Turismo, o presidente de FEPROHOS, a presidenta de AVITURGA, o presidente de AGAVI, a directora do aeroporto de Vigo e os directores dos Centros Integrados de Formación Profesional Manuel Antonio e Carlos Oroza. 

Carmela Silva detallou o Plan de Reactivación do destino “que ten por obxectivo recompilar e analizar todos os estudos que neste eido se están a realizar a nivel local, autonómico, nacional e internacional, partindo de datos estatísticos e escoitando ao sector público-privado. A presidenta detallou que se desenvolverá unha enquisa online para coñecer a situación, perspectivas e necesidades das empresas e entidades implicadas, entrevistas e grupos de traballo con axentes clave para contrastar a información, así como tamén unha análise DAFO. Desta análise preliminar, deseñarase unha long list cunha serie de accións ou medidas posibles para levar a cabo na provincia de Pontevedra que serán debatidas a través de grupos de traballo cos axentes clave do sector turístico. Posteriormente, tras ter escoitado ao sector, establecerase xa as accións concretas, nunha short list, para aplicar na provincia, saír da situación de paralización e reactivar o turismo. Segundo explicou a presidenta, a principios de maio estará xa realizada a análise e os listados coas iniciativas a poñer en marcha. 

“Estamos en mellor posición que outros destinos –asegurou Carmela Silva-, porque podemos ofertar ese turismo que vai demandar a xente tralo confinamento: natureza, paisaxe, descanso, turismo rural, interior, de costa, sensacións e experiencias”. Neste eido, a presidenta reivindicou a necesidade de “reiventarnos e apostar pola seguridade en establecementos, equipamentos e espazos públicos para recuperar a confianza”. Tamén afondou a presidenta nas liñas de colaboración que, dende a declaración do estado de alarma, se veñen mantendo tanto co sector privado como o público. Neste eido, Carmela Silva agradeceu o esforzo que están facendo as administracións públicas e o sector empresarial, “implicándose de xeito extraordinario para facer fronte a esta pandemia, centrándose agora mesma na seguridade e saúde das persoas”. A presidenta amosou o seu orgullo pola “mirada humana” do sector turístico e comprometeuse a dedicarse “primeiro ás persoas, a garantir a súa saúde, e despois a todo o que ten que ver coa promoción da actividade económica, xeración e creación de emprego, para poder redistribuír a riqueza”. 

No que respecta á colaboración interinstitucional, Silva asegurou que estase xa a traballar na seguridade como elemento fundamental para recupera a confianza das e dos visitantes e na promoción coordinada, centrándose fundamentalmente no turismo de proximidade. “Comprométome a seguir colaborando e traballando conxuntamente con todas as Administracións Públicas” asegurou a presidenta, quen tamén informou que “dende a total lealdade institucional imos esixir a todas as administracións que o sector turístico teña unha formulación de saída da crise propia, porque a súa realidade é moi particular”. Ao respecto, Carmela Silva asegurou que fará todas as “esixencias ao goberno de España pero tamén á Comunidade Autónoma. Agora, todas as iniciativas que se poñan encima da mesa teñen que ser consensuadas e acordadas. Isto non vai de protagonismos, de batallas por ocupar espazo, senón de traballar colaborativamente, sen confrontacións inútiles que non serven para nada” 

Pola súa banda, o conxunto de participantes nesta primeira Mesa telemática do Turismo da provincia agradeceron á Deputación a posta en marcha da Mesa e do Plan de Reactivación, así como coincidiron coa presidenta en reivindicar a necesidade da colaboración entre administracións públicas, na lealdade institucional, na unidade, no traballo conxunto. O obxectivo poñer en marcha plan común onde todas e todos aporten, escoitando ao sector turístico, para saír desta complexa situación e recuperar a confianza das e dos visitantes.