Menús solidarios da Escola municipal de hostalería de Carballo

O cociñeiro da Costa da Morte, Fernando Agrasar, é un dos coruñeses que forma parte do equipo de guisandeiros profesionais que impulsa o chef asturiano afincado nos Estados Unidos, Jose Andrés. Colabora activamente coa Escola municipal de Hostalería de Carballo nunha iniciativa que permitirá a 28 familias da localidade recoller comida en días alternos. Un equipo de voluntarios encárgase do repartimento, segundo unha reportacxe publicada pola TVG.

Caco Agrasar subliña a implicación de varias empresas que subministran as materias primas, e tamén do alumnado, que se implicou na tarefa na súa totalidade. Elaboran menús variados dos que se benefician inicialmente noventa e dúas persoas, número ampliable en función das necesidades derivadas do momento, que está a achegar novos demandantes de axuda ás oficinas do concello carballés.