Medio Rural prioriza dar saída ás producións afectadas pola emerxencia sanitaria

A Xunta de Galicia analizou os mecanismos con representantes das organizacións profesionais agrarias galegas para dar saída ás producións que viron reducidos os seus mercados tras a emerxencia sanitaria.

O titular de Medio Rural, José González, trasladoulle a este colectivo a intención do Goberno galego de busca novas vías de comercialización para os produtos agroalimentarios de calidade ou os de proximidade.

Un destes mecanismos para dar saída ás producións debe ir pola necesidade de “concienciar ao consumidor galego da importancia que ten neste momento apoiar o sector primario”. 

Neste senso tamén foi aanalizada a posibilidade de que o sector se acolla á nova liña de financiamento do Igape que busca inxectar liquidez a pemes e autónomos que se estean vendo afectados pola situación de emerxencia sanitaria. 

Ata o momento presentáronse xa 609 solicitudes de préstamos que suman unha mobilización de 50 millóns de euros. En concreto, a nova liña avalará entre 3.000 e 200.000 euros de importe por cada negocio e os beneficiarios disporán de prazos de amortización de ata catro anos con un de carencia, cun máximo dun 1,50 por cento de xuros, que serán bonificados ao cento por cento pola Xunta, facéndose cargo deles.

En relación ás axudas da Consellería, o titular de Medio Rural afirma que se está “traballando na axilización dos pagos” e na flexibilización do requisitos esixidos para as diferentes subvencións, buscando evitar incumprimentos ou posibles prexuízos derivados da imposibilidade de executar as accións programadas.

Nesta xuntanza telemática cop conselleiro participaron o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, ao seren as dúas organizacións con representación no Consello Agrario.