Medio Rural presenta a campaña Mercaproximidade

A Xunta acaba de pór en marcha unha campaña de comunicación e sensibilización para animar á cidadanía a consumir produtos agroalimentarios galegos durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus. A iniciativa, que acaba de ser presentada, enmárcase na rede Mercaproximidade, unha canle alternativa de comercialización concibida para dar saída aos produtos afectados polo peche da hostalaría e dos mercados municipais.

A campaña está dirixida aos consumidores finais, non só para conciencialos da calidade dos produtos agroalimentarios galegos, senón tamén para facerlles ver que coa súa compra poden contribuír á viabilidade do sector na comunidade. Nesa liña, tamén se busca recoñecer o importante esforzo que se está a levar a cabo dende o agro galego, no que o complexo agrogandeiro desempeña un papel fundamental para asegurar o abastecemento de alimentos durante o estado de alarma. 

Desde o pasado 15 de abril, máis de 370 produtores e industrias transformadoras adheríronse xa a Mercaproximidade. Unha vez se distribúan as súas producións,estarán perfectamente identificadas, deixando claros tanto a súa orixe como o seu vínculo coa iniciativa. Cabe lembrar que tamén poden sumarse á rede as empresas que subministran a colectividades ou as plataformas de venda online. 

Ata o momento, xa acordaron sumarse á rede as cadeas Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski-cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour –cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-,Lidl, Alcampo, Coviran e DIA. 

A campaña, que se fará visible tanto nos establecementos de alimentación participantes como nos medios de comunicación, poderá compartirse nas diferentes redes sociais empregando o cancelo #VouDeSúperFeirón.