Medio Rural insta ás plataformas online a sumarse a Mercaproximidade

A Consellería de Medio Rural anima ás grandes cadeas de distribución con presenza en Galicia (acábase de incorporar tamén Lidl), ás empresas que subministran a colectividades e ás plataformas de venda online a sumarse á rede “Mercaproximidade”, adquirindo produtos agroalimentarios galegos como os que contan con certificación ecolóxica para impulsar a súa compra por parte do consumidor. 

O conselleiro José González fixo este chamamento logo da reunión por videoconferencia que mantivo co presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Francisco López. 

Dende hoxe mesmo os agricultores, gandeiros e industrias transformadoras de produtos agroalimentarios galegos poden solicitar a súa adhesión como provedores da rede “Mercaproximidade”, enviando os seus datos e tipo de produción ao enderezo electrónico mercaproximidade@xunta.gal.

Ademais de estaren rexistrados como explotación ou industria agraria, os interesados deberán facer constar nunha declaración responsable que un mínimo do 50 % dos seus ingresos proveñen da hostalaría e os mercados municipais, pechados na actualidade. 

Para reforzar a iniciativa, a Consellería do Medio Rural porá en marcha unha campaña de sensibilización dirixida ao consumidor final, que se fará visible tanto nos establecementos de alimentación como nos medios de comunicación. O obxectivo éconcienciar da importancia de consumir produtos de proximidade, non só pola súa calidade senón tamén para recoñecer o papel fundamental do agro galego á hora de garantir o abastecemento de alimentos durante o estado de alarma.