José M. Rodríguez: "en Ribeira Sacra temos vendida o 20% da añada 2019"


A estas alturas do ano e en pleno confinamento, a D.O. Ribeira Sacra, con 96 adegas amparadas, ten un 20% da colleita 2019 vendida, segundo precisa a Hggtonline o presidente do seu Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, a quen pedimos unha valoración sobre os efectos que está a ter a crise sanitaria nesta comarca vitivinícola, paradigma da viticultura heroica. 

“Cando chove, chove para todos e claro que nos está afectando, pero seguramente en menor medida que a outras comarcas vinícolas. O que era considerado hai pouco tempo atrás unha debilidade agora resulta que é unha potencialidade”. 

E explica o por qué da súa reflexión: “somos a D.O. galega que máis vende en alimentación e, porcentualmente, a que menos exportaba, algo que nas circunstancias actuais volveuse ao noso favor. Así que, máis aló do que digan os grandes gurús, hai que ir poñendo ovos en distintas cestas. Agora mesmo ao ter máis presenza nos lineais temos maiores posibilidades”, subliña o presidente. 

En canto á venda online tamén ten o seu particular punto de visión: “ábrese unha nova posibilidade de vender directamente desde a adega; é unha ferramenta que está aí, ao alcance de todos e que se está utilizando, máis aló das plataformas que, algunhas delas, ás primeriras de cambio deixaron tirados aos seus clientes”. 

Sobre o día despois, José Manuel Rodríguez subliña que “de momento temos que pensar no día a día, conscientes, eso sí, de que se abrirá un novo escenario de xogo e que levará por diante a algunha xente do sector, xente algunha, por outra banda, que non pintaba nada no noso ámbito”. 

Remata cun reflexión máis aló do mundo de viño: “se tanto queremos protexer ao pequeno produtor,  como se está a decir, non entendo porque non se permiten os mercados ao aire libre, sempre cumprindo as recomendacións das autoridades sanitarias e, en troques, permítese que os centros comerciais abran, todos dotados de aire acondicionado co que iso supón de risco para a saúde. Con medidas así o que estamos é matando o pequeno produtor, en fin…”, conclúe.