Galicia Calidade avala os iogures de Larsa

Larsa acaba de sacar ao mercado os seus primeiros iogures certificados por Galicia Calidade, que vén de recoñecer co seu selo de garantía as 40 variedades  que comercializan. 

Un paso máis para unha marca que envasa en Vilagarcía de Arousa, e que xa tiña o seu leite avalado dende o ano 2014. Dende Galicia Calidade xustifican a nova certificación asegurando que a Corporación Alimentaria Peñasanta, responsable da marca, aumentou nos últimos anos a recollida e comercialización de leite de pastoreo de máximo nivel ampliando a súa capacidade de produción na nosa comunidade e potenciando os seus produtos.

Os iogures de Larsa únense a un selecto grupo formado na actualidade por máis de 400 produtos e servizos de máis de 140 empresas galegas, cun selo de garantía que certifica que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima e o seu proceso de produción, cumpran os esixentes requisitos da marca.