Foro Turismo Covid 19 da Deputación da Coruña aberto previa inscrición


Persoal técnico, empresas, responsábeis de entes de xestión, xornalistas e demais profesionais do sector poderán participar no Foro Turismo Covid 19 que a Deputación da Coruña organiza co fin de poñer en común e abrir novos camiños para a saída da crise provocada polo coronavirus. As sesións iniciaranse o vindeiro 27 de abril e estarán abertas previa inscrición. 

A COVID19 está a provocar unha histórica crise no turismo e, co fin de analizar a situación e as posibilidades de futuro deste ámbito de especial relevancia para o desenvolvemento económico, a área de Turismo da Deputación da Coruña convoca un foro aberto a través da rede ao que convida a participar a profesionais tanto do ámbito privado como público e persoas interesadas no futuro do sector. 

"Estamos ante unha situación crítica que afecta de maneira especial ao sector turístico, tanto ao ámbito empresarial como ao de políticas públicas, e consideramos que este extraordinario momento merece sumar forzas para garantir o futuro dun sector que é estratéxico para a nosa economía", sinala o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que convida a participar a todas as persoas interesadas do sector co fin de "deseñar novas estratexias que aposten polo que todo apunta que será a única vía de saída da crise, un turismo sostíbel, de proximidade, e con garantías que faga fronte ao estado de ánimo provocado pola pandemia". 

Co fin de iniciar eses novos camiños para superar os efectos da pandemia no sector, a área de Turismo de Deputación da Coruña convoca un foro virtual aberto á participación que se inaugurará o luns día 27 de abril ás 11 horas cunha sesión adicada aos entes de xestión turística. As políticas públicas dos concellos, o 30 de abril, o sector empresarial, o 4 de maio e ac cccomunicación e promoción de recursos turísticos o 11 de maio completarán o ciclo para o que é preciso inscribirse en cada unha das xornadas enviando un correo electrónico a foroturismocovid19@dacoruna.gal até dous días antes de cada unha das sesións. As persoas inscritas recibirán unha ligazón para conectarse a cada unha das sesións. 

"O sector vai ter que dar un xiro substancial que abra novos camiños para sobrevivir e temos o convencemento de que esa vía temos que camiñala conxuntamente todos os axentes implicados, tanto públicos como privados, co fin de paliar a importante crise e a conseguinte perda de emprego no sector", anota Xosé Regueira que agarda que o foro sirva para poñer en común as experiencias e as propostas que contribúan á folla de ruta para a saída da crise. 


PROGRAMA 

Luns 27 abril as 11h Os entes de xestión ante o futuro do turismo. 

Xoves 30 abril as 11h: Os concellos no novo contexto do sector turístico 

Luns 4 maio ás 11h: Debate co mundo empresarial do turismo. 

Luns 11 maio as 11h: Comunicación e promoción dos recursos turísticos despois da pandemia.