Finalistas dos Premios Martín Códax da Música 2020

Xa se coñecen os novos finalistas dos Premios Martín Códax da Música 2020. O xurado profesional designado por Músicas ao Vivo (MAV) para facer a primeira selección de entre as 577 propostas recibidas nesta sétima edición, vén de facer públicos os 60 proxectos musicais finalistas seguindo o proceso establecido dentro das normas dos Premios Martín Códax da Música Galega. Pódense consultar en http://premiosmartincodaxdamusica.gal/. 

Pasada esta fase, serán as socias e socios de MAV quen decidan, entre o 20 de abril e o 3 de maio, cal será o proxecto premiado de entre os tres finalistas de cada unha das 20 categorías. 

A festa de finalistas, que estaba previsto que se celebrase o día 15 de abril, tivo que atrasarse por mor da situación actual. A nova data será o vindeiro 30 de setembro (sempre que as condicións en materia de coronavirus permitan a súa celebración). 

Como tódolos anos, nesta festa entregaráselle a cada un dos 3 proxectos de cada categoría unha botella Magnum Edición Especial de finalista de Martín Códax, empresa patrocinadora destes premios, organizados e promovidos por Músicas ao Vivo. 

No tocante á celebración da gala, prevista para o 6 de maio, tamén será posposta para unha data futura que se comunicará en breve.