Festa dos Maios virtual en Pontevedra

Pontevedra dará benvida ao maio como todos os anos. A pesar de que nesta ocasión a Festa dos Maios non poderá ocupar a praza da Ferraría como viña sendo tradición, mañá, 1 de maio, a concellaría que dirixe Carme da Silva non renuncia á tradición e adapta o formato habitual ao eido dixital. 

Cun amplo abano de colaboracións tanto de entidades como de persoas a título particular, a Concellaría porá en marcha mañá, a partir das 11.00 horas, como é habitual nesta data, un “maio dixital”. 

Haberá Benvida ao maio, tamén coplas, información de como se fai un maio, participación de cativos e cativas… Toda a documentación residirá na páxina web municipal pontevedra.gal e tamén comezará a colgarse nas redes sociais municipais a partir das 11.00horas. 

A Concellaría pediu ao documentalista Ramón Rozas que fixera a tradicional Benvida ao maio; Xosé Carlos Morgade puxo a letra á copla deste ano e Álvaro Novegil a música creada ex profeso para esta ocasión. A imaxe desta edición representa a creación dun maio dende unha vista cenital, polo que se pode contemplar como se coloca o fiuncho, os ovos, as laranxas… 

Na páxina web tamén se poderán ver vídeos de como se fai un maio, capítulos dun libro editado por Xosé Carlos Morgade sobre a Festa dos maios en Pontevedra, imaxes cedidas polos centros de ensino e asociacións que habitualmente participan nesta festa para recordar edicións anteriores dos maios…