Está a ultimarse a creación dun distintivo acreditativo de “Hostelería segura”


Hostelería de España, organización empresarial na que está integrada a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) e que representa aos restaurantes, bares, cafetarías, pubs e aloxamentos turísticos do noso país, ultima a creación dun distintivo acreditativo de “Hostelería segura” que achegue confianza aos traballadores e clientes sobre o cumprimento dunha serie de medidas de limpeza, saúde e hixiene nos establecementos unha vez estes reactiven a súa actividade.

A patronal dos hostaleiros, contando coa participación de diversas asociacións de hostalería provinciais do país, creou un comité técnico para ultimar as condicións deste distintivo que garanta que cumpren unha serie de medidas deseñadas para obstaculizar a propagación do Covid-19. As medidas ás que fai referencia este distintivo comprenden diferentes aspectos que teñen como finalidade garantir a seguridade dos clientes desde que entran ao local ata que saen, así como a dos traballadores. Á espera de ultimar os detalles, o protocolo ao que fai referencia este distintivo incluirá varias medidas como o control de temperatura á entrada do establecemento, reaxuste do aforamento cunha distancia mínima de separación entre mesas, implantación de dispensadores de hidroxel para favorecer as mellores condicións de hixiene ou extremar a hixiene na manipulación de alimentos, así como na limpeza de todo tipo de utensilios do local e baños.

O grupo técnico que está a ultimar os detalles deste distintivo expresa o rexeitamento do sector a algunhas das propostas que se deron a coñecer nos últimos días por parte dalgúns empresarios hostaleiros, como a instalación de biombos separadores de espazos, posto que “supoñen un investimento inasumible para o sector, que se atopa sumido nun momento de extrema dificultade económica. Ademais, aínda non contamos con ningún tipo de normativa por parte do Ministerio de Sanidade que indique que haxa que utilizalas”, sinalan desde a patronal. Ademais, lembran algúns dos datos que manexa o sector, segundo os cales o 50 % dos negocios de restauración podería aguantar unicamente ao redor dun mes de gastos operativos fixos sen recorrer a financiamento externo ou a aforros, tal e como sinala un informe elaborado pola consultora Bain&Company e a firma de servizos profesionais EY.