Diálogo de concellos coruñeses na procura dunha recuperación turística sustentable

A Deputación da Coruña retomou esta tarde o seu Foro Turismo Covid19, cunha segunda xornada centrada no papel das administracións locais, na que representantes de concellos da provincia puxeron en común as súas ideas e estratexias de cara á recuperación turística trala crise sanitaria, nun debate no que se fixo especial fincapé na importancia de repensar o modelo turístico e xerar destinos seguros e sustentables a medio prazo.

A escasa masificación dos recursos en moitos destinos da provincia salientouse como unha fortaleza, abogándose varias veces por captar un público que buscará destinos seguros e naturales, tratando de crear un turismo sustentable que redunde nun beneficio para o conxunto dos veciños. Neste sentido, defendeuse a importancia do diálogo e a cooperación entre os diversos concellos, chegando a propoñerse a creación dunha rede de técnicos de turismo. 

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, inaugurou a xornada falando dunha situación de incerteza na que as administracións deben loitar por manter a empregabilidade municipal do sector turístico, gañándose a confianza do mercado e convertendo a provincia no destino seguro que todos buscarán nesta tempada. 

Máis polo miúdo, dende o concello de Vimianzo a axente de desenvolvemento local Rosa Sánchez, reivindicou a oportunidade de reinventarnos e tomar accións con visión de futuro, advertindo contra o perigo de obsesionarse con conseguir un alto número de turistas e esquecernos de asegurar un turismo de calidade. 

Maite Parga, técnica de turismo do concello de Carballo, abogou por reinventarse a aproveitar a oportunidade para levar os destinos cara modelos máis sostibles. Nese sentido, chamou a repensar os espazos públicos e o uso que facemos dos nosos recursos turísticos, apoiando polo camiño ás empresas turísticas locais. 

Dende Betanzos, a técnica de turismo Elena Carro plantexou a vantaxe de non contar cunha gran masificación, con produtos como o camiño inglés que estaba tendo bo resultado. E representando a Dumbría a súa técnica de turismo Ada González chamou a non apresurarse e pretender recuperar o turismo antes de tempo, focalizar os obxectivos a longo prazo e ter coidado co perigo que representa unha posible turismofobia. 

Para Ignacio Fernandez Dosil, consultor e ex técnico de turismo en Noia e Outes, o fundamental é que os concellos non perdan tempo e os concellos estean preparados para que o pouco turismo que vaia chegando atope o concello con todo en perfecto estado: limpeza de rutas, sinalización...

E finalmente Pancho Candela, ex director xeral de Política Turística do Ministerio de Transportes e concelleiro de Turismo de Santiago de Compostela dende 1999 ó 2007, fixo unha reflexión reclamando a necesidade de repensar o modelo turístico en clave de calidade e sostenibilidade. Nesa liña, advertiu contra o perigo de ir cara un modelo no que valia todo como na crise de 2008.