"Debemos adiantarnos ás novas demandas turísticas, apostando pola proximidade" Carmela Silva (Dep. Pontevedra)

Na Deputación de Pontevedra son conscientes da prioridade que neste momento ten a emerxencia sanitaria. Pero ao mesmo tempo xa están pensando no día despois, lanzando campañas como "Viaxa mañá", que insta a aprazar as viaxes ás Rías Baixas, pero tamén a acordarse do destino cando a situación se normalice. Falamos coa súa presidenta, Carmela Silva, sobre este e outros proxectos turísticos do organismo provincial. 

¿Que buscabades transmitir coa campaña "Viaxa mañá"?

Hai que mirar sempre cara adiante, con realismo pero tamén con moito optimismo. Sempre digo que soamente as persoas optimistas poden cambiar o mundo, así que, nestes momentos, debemos mirar cara adiante e facelo así, con optimismo. 

Deste xeito funciona “Viaxa mañá”, a nosa nova campaña, pensando no futuro. Unha acción promocional que pon o acento en que o mellor que se pode facer agora é aprazar á viaxe ás Rías Baixas ao tempo que amosa que aquí, na provincia de Pontevedra, estaremos agardando polas persoas visitantes, preparadas e preparados para facelo do mellor modo posible. Este é o noso principal obxectivo, poñer en valor o noso destino, que coidaremos con mimo, e tamén ao sector privado implicado, un sector que aposta polos produtos de proximidade, pola seguridade, e presta os seus servizos dende a excelencia e a calidade. 

Falamos dunha campaña que, ademais, continúa o modelo da campaña de turismo que presentamos este ano en Fitur, “Segue o teu instinto”. Unha campaña na que se pon en valor que a provincia de Pontevedra é un lugar ideal para reencontrase cun mesmo ou cunha mesma, coa natureza, coa actividade humana ligada ao medio ambiente… Cuestións, todas elas, que nun momento como este no que nos atopamos, cobran maior importancia. Todas e todos desexamos saír das nosas casas, desfrutar do aire no rostro, da natureza, das rías e ríos, das natureza, de paseos polo campo… 

¿A que mercados vai dirixida? 

Vai dirixida fundamentalmente á proximidade, ao noso público máis fiel e leal, aos galegos e galegas, pero tamén a persoas do resto do estado e de Portugal, os nosos fieis veciños/as. Sabemos que o noso modelo de turismo sostible ten moita máis capacidade de captación, pero cremos que este mercado ao que nos diriximos con “Viaxa mañá”, é o que máis facilmente poderemos recuperar a curto prazo. 

¿En que outras liñas estades traballando? 

O certo é que estamos a analizar a situación en profundidade, para tomar decisións intelixentes e establecer e diferenciar iniciativas para o curto, medio e longo prazo. Sabemos e somos moi conscientes de que as cousas van cambiar e que o sector deberá adaptarse a novas realidades. Polo tanto quero aproveitar esta ocasión para transmitir que, efectivamente, si, estamos traballando, que o servizo de Turismo Rías Baixas non parou e temos activos todos os nosos proxectos, as nosas propostas e iniciativas anteriores ao estalido da COVID-19. 

Entre todas as liñas que temos activas, adiántolles que é agora o momento de apostar por unha política turística centrada nos obxectivos da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, é dicir, nas tecnoloxías, na excelencia, no sustentabilidade e no medio ambiente. Isto suporá investimentos a todos os niveis, dende a redución da pegada do carbono ata a continuación da recuperación dos espazos públicos pensados para as persoas, redución de residuos, enerxías sostibles, ofertas de actividades ligadas á paisaxe, á cultura, natureza, ao deporte, á gastronomía ligada ao produto de proximidade, aos produtos ecolóxicos ou á produción tradicional. 

Tamén lles confirmo que imos convocar nos vindeiros días unha Mesa de Turismo, para reunirnos de xeito telemático e poder escoitar directamente aos diferentes axentes implicados no noso destino. Penso que desa Mesa sairán novas iniciativas e propostas para poñer en marcha de cara aos vindeiros meses. 

¿Están preparadas ou previstas medidas de apoio para a hostalería e as empresas do sector turístico? 

Desde a Deputación de Pontevedra temos en marcha xa medidas de apoio ao sector turístico provincial. Por exemplo, a calidade é fundamental para o destino provincia de Pontevedra, estamos a facer un grande esforzo para deixar unha pegada positiva nas persoas que veñen ás Rías Baixas. Por iso adaptamos o noso Plan de Calidade con plans formativos online, para que as empresas poidan continuar o proceso de mellora continua do SICTED. 

Lanzamos tamén a campaña “Viaxa mañá”, da que falamos anteriormente, e xogos online para divulgar todas as marabillas do destino provincia de Pontevedra. Amais, estamos xa traballando noutras medidas de apoio que virán da man da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, sumando sinerxías con outros destinos para saír adiante; das novas tecnoloxías, nas que firmemente apostou este goberno provincial desde fai cinco anos e que nestes tempos están a demostrar a súa utilidade; da rede de oficinas Info Rías Baixas; e de proxectos como Tourist Inside, Turistic ou da aceleradora de empresas turísticas. 

En definitiva, esta administración provincial non se detén. Non paramos de pensar ideas, propostas e iniciativas para poñer xa en marcha ou lanzar en canto remonte a situación de crise sanitaria. 

¿Creedes necesario dedicarlle este ano unha atención especial ao turismo de proximidade? ¿Pensades que pode ser o primeiro en reactivarse? 

A verdade é que dende a Deputación de Pontevedra, e atendendo ao Plan Estratéxico de Turismo, sempre tivemos claro que o turismo de proximidade era clave para o noso destino. Fixemos campañas de presentación de destinos nos principais mercados emisores e en cidades clave como Madrid e Barcelona así como do Norte de Portugal. 

Polo tanto, considerábamos xa clave ao turismo de proximidade e imos a seguir prestándolle unha especial atención xa que somos conscientes de que, tralo levantamento do Estado de Alarma, será o primeiro en reactivarse dado que probablemente continuarán as restricións de movemento internacionais. 

Dentro da lóxica indeterminación na que nos atopamos, ¿creedes que se poderá salvar o verán turístico nas Rías Baixas? 

Agora é o momento de responder á emerxencia sanitaria, de cumprir coas directrices que se nos están a marcar xa que debemos recompoñer primeiro a nosa saúde para poder afrontar con forzas o que veña por diante. Iso si, como administración pública responsable estamos xa analizando todas as cuestións que teñen que ver con diferentes eidos da nosa acción política entre os que se atopa o turismo. 

Está claro que nada vai ser como antes, que o que predicíamos a comezos de ano non vai ter que ver coa realidade, que o modo de relacionarnos e de desfrutar do noso tempo de ocio, das nosas vacacións, vai cambiar. Por iso debemos adiantarnos ás novas demandas turísticas, apostando pola proximidade, como dicía antes, que, amais de ser o noso público máis fiel, previsiblemente este verán, será o que manteña a temporada. 

Reclamaba recentemente a implicación das administración autonómicas na recuperación do sector. ¿Algunha idea en concreto? 

Efectivamente, debe implicarse na recuperación do sector porque as competencias en economía e turismo son tanto das Comunidades Autónomas como do Goberno de España. Co Goberno de España, coa Secretaría de Estado de Turismo, xa mantiven unha reunión, no marco da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, onde se nos trasladou o compromiso do goberno do Estado co sector turístico e se puxo sobre a mesa a importancia de apostar polas tecnoloxías e pola suma de sinerxías para saír desta situación. 

Non teño ningunha dúbida de que a Xunta de Galicia está tamén a traballar nesta liña, pero gustaríame, como así lle trasladei ao conselleiro, que nos convocase a todos os destinos galegos para facernos partícipes da súa estratexia, así como das medidas de apoio e recursos económicos que vai impulsar para apoiar ao sector. Está claro que, por competencias, a administración autonómica debe liderar a saída desta crise pero as deputacións provinciais debemos saber cal é a folla de ruta deseñada pola Xunta, para ter todos os destinos unha idea clara de a onde imos dirixir a acción pública tralo levantamento do Estado de Alarma.