“De producir 700 kg de queixo diarios pasei a 300 kg cada tres días” Ovidio Zolle (Casa Zolle)

Hoxe coñecemos a realidade de Casa Zolle, unha potente queixería ubicada en Friol que está acusando especialmente a crise do coronavirus debido á alta porcentaxe de produto que servían para hostalería. Cóntanolo o director e fundador da marca, Ovidio Zolle. 

Ata que punto vos está afectando a crise sanitaria? 

Estámolo notando moito. Nós traballabamos moito con hostalería, así que o frenazo foi moi forte. Estamos facturando mais dun 60% menos. Tiven que reducir persoal, o resto estamos nun ERTE de media xornada… 

Os supermercados que traballades non están tirando o suficiente para paliar o batacazo? 

Teño supermercados, teño tenda pequena, charcuterías… Pero o baixón foi moi grande. Estou buscando alternativas, a ver se algún supermercado máis dos grandes comezase a collerme produto. Pero como todos están traballando telemáticamente é moi difícil. 

Aínda así, confías en aguantar e recuperar o nivel que tiñas antes da crise? 

Esperemos que esto aguante, aínda que non o teño moi claro. Eu o que sei é que de 700 kg diarios de queixo que se facían pasei a 300kg cada tres días. Baixou moito a venta. Tiña moito queixo na fábrica preparado para feiras de alimentación como a de Friol, onde vendía entre 3.000 e 4.000 pezas, a feira de Moeche… Pero todo iso acabouse. 

Contemplades a venta online como posible solución parcial?

Nós ata agora non traballabamos venta online. Agora o alcalde de Friol preparou unha tenda online e para a semana que vén empezaremos a funcionar con ela. Se funciona ben sería unha marabilla.