A Xunta de
Galicia traballará xunto co Instituto para a Calidade Turística de España
(ICTE) na posta en marcha de certificacións de seguridade sanitaria no sector
turístico que permitan reforzar a confianza dos traballadores e usuarios ante o
novo escenario post Covid-19. Así o avanzou o conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, tras presidir a primeira xuntanza do grupo de traballo creado
a instancias do Goberno galego para elaborar un plan sanitario adaptado ás
diferentes actividades desta industria.
No encontro,
celebrado por videoconferencia, estiveron presentes a directora da Axencia
Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto con representantes doutros departamentos
e organismos da Xunta como o Sergas, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde
Laboral (ISSGA) ou o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG). Tamén
participaron na xuntanza membros da Federación Galega de Municipios de
Provincias (Fegamp), representantes do sector a través do Clúster Turismo de Galicia,
o presidente do Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE), Miguel
Mirones, xunto con expertos como o catedrático de Medicina Preventiva da
Universidade de Santiago (USC), Juan Gestal.
O titular de
Cultura e Turismo incidiu na necesidade de traballar con planificación e
anticipación para situar Galicia como un destino fiable e calidade unha vez se
levanten as restricións derivadas do estado de alarma. Para lograr este
obxectivo, acordouse, por unha banda, consensuar unha serie de protocolos e
estándares que acrediten a adopción de medidas de seguridade e hixiene por
parte dos distintos establecementos do sector, así como dos destinos da
Comunidade.
En paralelo,
decidiuse poñer en marcha certificacións que recoñezan a aqueles locais e destinos
que cumpran as medidas recollidas nos citados protocolos, garantindo así a
calidade da súa oferta e ofrecendo unha maior seguridade ao usuarios.
Actuar con garantías e axilidade
Segundo
puntualizou Román Rodríguez, é necesario actuar con garantías e axilidade,
permitindo a acreditación da seguridade dos establecementos unha vez rematen as
restricións derivadas do estado de alarma, co obxectivo de favorecer a
recuperación do sector coa maior rapidez. Neste sentido, explicou que Galicia
conta na actualidade con preto de 1000 empresas certificadas con selos como a Q
de Calidade ou o distintivo Sicted que poderían obter tamén un recoñecemento
que acredite a súa seguridade sanitaria incorporando novos criterios de hixiene
ás auditorías realizadas.
O conselleiro
de Cultura e Turismo lembrou a necesidade de situar Galicia como un destino seguro
para impulsar a reactivación do sector, dotar de maior confianza aos usuarios e
achegar certezas ao tecido económico galego. Deste xeito, lembrou que a nosa Comunidade conta coas condicións
idóneas para situarse como un referente neste eido, ao contar cunha oferta
turística ligada a valores como a natureza, a paisaxe, a enogastronomía ou ao
Camiño de Santiago.
