"As ventas baixaron, pero de momento imos salvando" Alberte Fernández (Cervexas Menduiña)

Hoxe coñecemos o caso particular dos artesáns cervexeiros de Menduiña, que capean a crise do coronavirus con relativa solvencia grazas á distribución en supermercados e ao repunte da súa tenda virtual. Falamos con Alberte Fernández, uno dos fundadores da marca. 

Ata que punto vos está afectando a crise sanitaria?

As ventas baixaron, obviamente. Pero non estamos notando unha baixada tan drástica porque non dependemos tanto da hostalería. Nós vendemos a supermercados e tamén traballamos tenda online. Puntualmente exportamos, temos distribución en Madrid en Barcelona, que foi o que máis baixou. Pero houbo algunha subida en supermercados e tamén aumentou moito a tenda virtual. O que perdemos dun lado compensámolo con outro. Obviamente non estamos no mesmo nivel que antes, polo de agora baixaríamos un 25%. A ver como vai evolucionando o mercado, pero de momento aínda imos salvando. 

Se dependésemos máis da hostalería, como moitos produtores… No noso caso a hostalería temos o problema de que os grandes non nos deixan entrar. Poñen mesas, grifos… E nós non temos infraestructura para colocar grifos en todos os bares. Por iso nos fomos apartando dese sector, non víamos apoio do hostaleiro. Neste punto o que fixeron moitos foi montar o seu propio bar. Sacas máis produto, máis rápido, pero nós preferimos apostar polos supermercados e a tenda online. É un traballo máis a longo prazo pero fas marca e fas mercado. 

Vós tiñades a tenda virtual funcionando dende hai tempo, pero estades sacando promocións, novos packs...

Así dámoslle vida á tenda. Levamos anos con ela funcionando, pero é certo que antes se movía puntualmente. Agora temos pedidos prácticamente todos os días, é cando lle estamos sacando rendemento. A verdade é que é un apoio importante sobre todo para un pequeno produtor. 

Qué cervexa recomendarías para aliviar o confinamento?

Depende do momento. Nós temos bastantes tipos de cervexa, dende o máis clásico ao máis forte. Eu son máis de cervexas fortes, máis escuras… Recomendaría unha Loira ou unha Barda para o día a día, e despois para o fin de semana unha Santa Compaña, unha María Soliña ou unha Demo Negrho que piden outro momento máis relaxado, compañía…