"As nosas vacas non notan a pandemia" Jessica Rey (Casa Grande de Xanceda)

No rural galego pequenas e grandes empresas están botando o resto para seguir abastecendo con relativa normalidade os nosos supermercados e fogares. Falamos con Jessica Rey, responsable de comunicación de Casa Grande de Xanceda, que nos conta como están vivindo a situación de crise. 

Acabades de lanzar unha campañana que reivindicades o traballo do rural galego. Vós seguides traballando cunha certa normalidade?

Nós continuamos traballando, dentro de toda a normalidade que podemos. Si que é verdade que incorporamos unhas grandes medidas de prevención como a distancia entre compañeiros, o uso de luvas e mascarillas, aumentar os protocolos de limpeza de persoal… Todos estes procesos provocan que vaiamos un pouco máis despacio, pero danos seguridade. Permítenos darlle saída a todos os pedidos que estamos recibindo, fornecendo esos produtos de calidade que nos solicitan os consumidores. 

Vós distribuides sobre todo en supermercados. Cómo ten evolucionado a demanda desde que comezou o confinamento?

A nivel demanda notamos moitísima irregularidade. Houbo unha semana na que se produciu un aumento, agora estamos na normalidade ou incluso ou pouco menos. Hai que ter en conta que nós servimos produto fresco, que non se pode estucar durante moito tempo. A tendencia non está sendo moi positiva, pero entendémolo porque é unha situación excepcional. Pero a todos os pedidos que nos chegan estámoslle dando resposta coa mesma calidade de sempre, a mellor posible. Todo sae en tempo, cun esforzo moi grande por parte do equipo, estamos moi comprometidos. O compromiso sempre foi moi alto, pero agora é excepcional. Sabemos que hai moitos nenos, moitas familias, que contan co noso produto nas tendas, e non queremos faltar. 

Hai que mandar unha mensaxe de optimismo. Está claro que non van faltar alimentos, nin pola nosa parte nin pola parte de ningunha outra explotación agrícola. Agora máis que nunca, o rural está respondendo. Cando saiamos desto esperemos que tamén se acorden de todos os produtores de alimentos de calidade, para os cales necesitamos prezos xustos. 

Máis alá da demanda, en redes non deixades de compartir imaxes das vosas vacas pacendo tranquilas... A verdade é que tal como estamos dan unha certa envexa...

Xa che digo. As nosas vacas están saindo a pacer todos os días, igual que antes. Elas non notan a diferencia da pandemia mundial que sufrimos os humanos. Están tranquilas, estes días pasados estivemos preparando herba para garantir que sigan tendo alimento… Está claro que as vacas e o resto de animais non o van a notar, iso tamén é unha prioridade.