APIT-Galicia presenta a campaña de promoción: #MorriñaDeTi

Debido á pandemia da COVID-19 os socios da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (APITGalicia) #QuedamosNaCasa. O sector turístico é o máis afectado polas restricións da alarma sanitaria. Os guías de turismo seremos os últimos en recuperar a nosa actividade laboral regular. Desde o confinamento, estamos a cooperarmos cos distintos actores do sector turístico para unha esperada volta á normalidade. 

Queremos agradecer á Secretaría de Estado de Turismo e á Directora da Axencia Galega de Turismo a súa intermediación para que finalmente as mutuas recoñecesen o noso cese de actividade que nos permitise acollérmonos ás axudas previstas para autónomos e pequenas empresas.

Agora estamos na fase de reconstrución do tecido económico do país e APIT-Galicia está a colaborar co comité da CEFAPIT (federación española de guías de turismo) no informe que nos pediu a Secretaría de Estado de Turismo de cara a elaborar os protocolos de seguridade sanitaria no noso sector.

Participamos activamente tamén nos consellos asesores e foros que se crearon por parte doutros organismos oficiais como o ICTE, a Axencia Galega de Turismo, as Deputacións provinciais e os principais concellos de Galicia. Estamos traballando en crearmos sinerxias con outros actores (hostaleiros, transportistas, axencias de viaxes...): unidos será máis facil devolvermos á confianza aos nosos turistas para que nos visiten de novo, con todas as garantías.

A Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (APIT-Galicia) presenta a campaña de promoción: #MorriñaDeTi. Entre tanto, os máis de 100 asociados de APIT-Galicia queremos facer máis doados de levar os días que #QuedamosNaCasa para os nosos seguidores nas redes sociais. Xa temos activo o concurso de debuxo #PresumeDeGalicia, para que os nenos nos amosen esa Galicia 
máxica que só eles ven, invitándonos a percorrer as súas aldeas, vilas ou monumentos.

Agora queremos presentar o primeiro dos tres vídeos promocionais nos que estamos a traballar, en relación co noso cese de actividade debido ao confinamento: temos #MorriñaDeTi. (enlace) Abrimos unha fiestra ao mundo a través da ollada dos guías de turismo: amosando a Galicia máis descoñecida, acompañados do noso paraugas amarelo. O símbolo de garantía, da nosa profesionalidade e saber facer.

Completaremos os vídeos con artigos e fotografías con segredos e peculiaridades de Galicia no noso web www.guiasdegalicia.org. Devecemos por traballarmos, por compartirmos o patrimonio galego con tanta xente que o apreza!

Os Guías de Galicia estamos orgullosos no noso, pero sen ti, non somos nada. Temos #MorriñaDeTi