Alcampo incorpórase á rede Mercaproximidade

A Xunta anima ás empresas a seguir os pasos de Alcampo, a última cadea de distribución en sumarse á rede “Mercaproximidade” concibida para darlles saída aos produtos agroalimentarios galegos afectados polo peche da hostalaría e dos mercados municipais durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus. 

Os centros de Alcampo en Galicia súmanse así a unha lista de empresas colaboradoras na que xa constaban Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski cos seus establecementos Eroski e Familia, Carrefour, El Corte Inglés e Grupo Cuevas, cos seus supermercados Plenus. Con todo, a iniciativa segue aberta e a Consellería do Medio Rural intensifica os contactos para que sigan sumándose a ela non só as cadeas de distribución, senón tamén as empresas que subministran a colectividades ou as plataformas de venda online. 

No marco da rede “Mercaproximidade”, estas empresas comprométense a adquirir durante o estado da alarma os produtos agroalimentariosque actualmente non poden comprarse nas feiras locais nin consumirse nos restaurantes ou establecementos de hostalaría. Con esta acción, comprométense ademais a impulsar a venda destas producións, que se distribuirán debidamente identificadas, para que o consumidor saiba non só da súa orixe senón tamén da súa calidade diferenciada. 

Os produtos que poden beneficiarse desta vía alternativa de comercialización son, entre outros, as froitas, as hortalizas, a carne de vacún, porcino, ovino ou caprino, así como os produtos lácteos ou apícolas. Non só os produtores poden acollerse á iniciativa senón tamén as industrias transformadoras, sempre que acrediten que un mínimo do 50 % dos seus ingresos proceden das canles comerciais pechadas na actualidade.