A Xunta e a Fegamp reprogramarán conxuntamente os eventos culturais


A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) colaborarán á hora de coordinar a reprogramación dos eventos culturais adiados nos distintos concellos tras a crise sanitaria provocada polo Covid-19. Así o acordaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, ao presidente da Fegamp, Alberto Varela, nun encontro mantido a través de videoconferencia. 

Durante a xuntanza, o titular de Cultura e Turismo subliñou a necesidade de traballar man a man coas entidades locais e as distintas administracións co obxectivo de reactivar o tecido cultural e turístico galego unha vez remate a actual crise sanitaria. Neste sentido, avanzou que a Xunta porá a disposición da Fegamp a plataforma online encargada de recoller e promocionar os distintos eventos culturais da Comunidade para facilitar a reprogramación das actividades adiadas “de xeito coordinado e evitando solapamentos”. 

Segundo resaltou Román Rodríguez, as administracións locais “xogan un papel fundamental no apoio ás industrias culturais da Comunidade”, dado o peso que este sector ocupa na estrutura do seu gasto público e ao seren titulares de dotacións e equipamentos que permiten achegar todo tipo de creacións á cidadanía. 

Así mesmo, o conselleiro de Cultura e Turismo incidiu na necesidade de traballar de xeito conxunto no deseño de protocolos para a celebración de diferentes eventos culturais e turísticos realizados nos concellos galegos para garantir a máxima seguridade dos participantes. Para poder avanzar nesta folla de ruta, lembrou que a Xunta xa lle solicitou ao Goberno central un calendario orientativo do proceso de desescalada que permita planificar a volta á normalidade dos distintos sectores, especialmente da cultura e o turismo. 

“Son industrias vitais en Galicia pola súa capacidade de creación de emprego, e moi especialmente nalgúns concellos cunha elevada dependencia destes sectores”, puntualizou. Por iso, prevese manter nos próximos días unha nova xuntanza cos axentes culturais implicados.