A Xunta adianta un posible plan de recuperación vinculado á marca Galicia

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo unha reunión este luns co xerente do Clusaga, Roberto Alonso, na que puxo sobre a mesa a necesidade dun plan de recuperación da actividade económica e da reactivación do consumo vinculado á promoción e posta en valor da marca Galicia como de excelencia.

Conde apuntou que se están identificando cales son os pasos que hai que dar para planificar a reactivación económica, sinalando que no sector alimentario hai importantes retos centrados sobre todo na innovación, para desenvolver novos produtos, e no acceso a novos mercados, tanto a través de novas fórmulas de comercialización, como pode ser o comercio en liña, como a través da internacionalización, apuntando que a innovación é tamén clave para esta expansión internacional.

Por outro lado, lembrou a necesidade que teñen estas empresas para afrontar os seus pagamentos e gastos, entre outros aspectos pola caída da actividade a través do descenso da demanda da hostelería e a restauración. Neste sentido, informou de que a Xunta recibiu, a través da liña de financiamento impulsada polo Igape, solicitudes para préstamos por máis de 6 millóns de euros para dar resposta ás necesidades financeiras que teñen as compañías alimentarias.