"A xente está volvendo ás tendas de barrio" Nuria Calo (As camposeiras)

Seguimos coñecendo a realidade de cómo está afectando a pandemia ás pequenas e grandes empresas galegas do sector alimentario galego. Hoxe falamos con Nuria Calo, que vende as marmeladas artesanais de As Camposeiras e que nos conta como a reactivación das tendas de barrio está salvando a súa produción. 

Ata que punto vos está lastrando a crise do coronavirus? 

Vaise notar a finales deste mes porque xa empezábamos con feiras grandes, que non se poderán celebrar. Iso conleva unha perda económica considerable. Se contas a maiores que traballamos con hostalería e a hostalería está toda pechada… Teño un montón de mercancía que xa estaba feita para hostalería que non sei se vou a vender, porque moitos non saben se volverán abrir. Neste momento non imos ganar nada. Vai ser supervivencia.


Ademais de hostalería e feiras, a meirande parte da vosa produción véndese a través de tendas pequenas. Como están funcionando?


Nas dúas primeiras semanas de confinamento as tendas pequenas tampouco funcionaban, pero agora están notando algo de tirón. A xente está moi agobiada polas colas que ten que facer nos supermercados e está volvendo ás tendas de barrio porque rematan antes, non ten que estar vixiando se teñen a alguén a menos dun metro...

Ademais, a situación tenvos levado a activar a venda directa a través da vosa web... 

Para a comarca da Coruña abrimos un apartado na web de forma temporal para que a xente nos poda pedir directamente. Temos para cada concello un día de reparto, non se lles cobra gastos de envío nin nada para incentivar á xente. Ademais tamén fixemos un anuncio por redes sociales coas tendas coas que traballamos que teñen reparto a domicilio. Empezamos a argallar unha serie de cousas para que saiban que seguimos no mercado, que non pechamos. É cuestión de reorganizarse.