"A venda online pasou de saír algo a ter un movemento notable" Luís Tilve (Cervexas Meiga)

Os artesáns de cervexas Meiga ten a súa produción paralizada, ao depender en gran medida de feiras e hostalería, pero aínda así acaban de lanzar unha nova cervexa. Falamos con Luís Tilve, un dos dous socios fundadores da marca, sobre o confinamento e sobre este novo lanzamento.

Ata que punto vos afecta o confinamento? Seguides producindo?

A nosa empresa está moi vinculada á hostalería, igual é o 50% da nosa facturación, e ademáis tiña unha parte moi importante de feiras. E iso está pechado. Hai algunha tenda local que aínda segue abrindo, pero normalmente traballan co stock que lle quedaba… Por educación xa nin lle preguntamos a moitos.

De momento a produción témola estancada. Agora mesmo o que temos producido case ten ocupada toda a zona de expedición, se seguimos producindo… Ao mellor, se tiveramos o canal dos supermercados si estaríamos producindo.

Funciona a venda directa a través da vosa web?

Esa é a parte que se activou. Moi lentamente, pero a venda online pasou de saír algo a ter un movemento notable. Temos un par de rutas na provincia de Pontevedra e mandamos por transporte a nivel España.

Eres dos que pensa que a hostalería se reactivará con forza cando remate a corentena?

Eu penso que a xente vai saír. Estamos en España, aquí á xente gústalle moito. Cando foi a época da crise tampouco estaba ben a economía, e a xente aínda que fora con catro duros saía a tomar unha cervexa. Penso que agora en xeral está habendo moita responsabilidade, a xente está quedando na casa, e cando isto remate a xente vai ter ganas de saír e disfrutar da vida.

Vós en todo caso acabades de sacar unha nova cervexa, que se pode pedir para a casa para facer máis levadeiro o confinamento. Cómo é esta nova "Brétema"?

É unha cervexa baseada na cervexa especial que fixemos para a Feira Franca de Pontevedra, que tivo tanto éxito, cun lévedo perfecto para cando queres unha cervexa con pouco corpo, tirando a seca e afroitada. Metémoslle un toque de lúpulo, que ademáis lle dá uns toques cítricos e tropicais bastante ricos… un toque leve, tampouco estamos falando dunha IPA, que para iso xa temos a XabarIPA.


É unha cervexa pensada para tomar no verán, de sesión, con pouco grado de alcohol, que podes tomar unhas cantas sen medo a que che suba moito á cabeza. Íamos presentala nun par de locais, pero bueno. Está recén producida e ademáis ten unha capacidade de mellora co tempo impresionante.

A falta de probala, a etiqueta quedouvos bastante chula... 

Foi unha idea de Andrés, do meu socio. Todos os debuxos das nosas etiquetas fano uns mozos licenciados en Belas Artes, que fan uns debuxos impresionantes. Sempre buscamos motivos galegos ou que teñan que ver coas meigas. Por exemplo, a Alborada e a Tambo non son motivos galegos, pero son meigas doutras culturas.