A España Verde centrará todos os esforzos en posicionar a marca no mercado nacional


Tras a crise do COVID-19, a Xunta de Galicia, xunto cos gobernos autonómicos das comunidades da España Verde, acordou reorientar as accións desta marca turística do norte peninsular ao mercado nacional. Así se decidiu nunha videoconferencia entre as directoras e viceconselleiras de Turismo de Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia, representada a través de Nava Castro. 

A xuntanza permitiu analizar conxuntamente o impacto da actual crise sanitaria nos seus respectivos territorios e artellar posibles vías de colaboración conxunta baixo esta marca turística. Na reunión abordáronse as diferentes medidas adoptadas polas catro comunidades autónomas en colaboración co sector e se puxo de manifesto a oportunidade que ofrece a España Verde á franxa do norte peninsular para traballar xuntos e axudar a impulsar ao sector no escenario de saída do confinamento. 

Neste sentido, acordouse por unanimidade suspender a promoción internacional ata o fin das restricións derivadas desta situación e centrar todos os esforzos en posicionar a marca no mercado nacional, para o que se apoiará en diversas accións online a través de vídeos promocionais e dun novo himno do compositor Antonio Garamendi. 

Sumar á marca España 
A marca España Verde, que en 2019 celebrou o seu trinta aniversario, estivo centrada desde os seus inicios na promoción internacional. Agora, ante esta situación excepcional, aposta por esta reorientación cara o mercado nacional, por ser unha oportunidade para posicionar a marca en España e contribuír á reactivación do sector turístico do norte no curto e medio prazo, potenciando, ademais, fortalezas da marca como a natureza, enogastronomía, turismo rural, Camiño de Santiago e seguridade. 

O grupo de traballo abordou a importancia de facer un esforzo na seguridade sanitaria de xeito conxunto. Nos vindeiros días, os equipos técnicos das catro comunidades autónomas traballarán na elaboración de material de comunicación e promoción. 

Durante este ano 2020, Galicia é a comunidade da España Verde que se encarga da coordinación de todas as actividades desta marca turística do norte peninsular.