A entrada de leite foráneo a baixo coste pon en perigo ao sector lácteo autóctono

A entrada de leite nas lácteas galegas procedente de países como Francia, Holanda ou Alemaña no é novidoso pero supón un perigo para o sector galego, sobre todo cando estes países colocan o seu excendente por debaixo do custo de produción, o que contribúe a afundir ás gandeiras galegas que levan anos de loita reclamando un prezo digno para o leite autóctono. 

Unións Agrarias ven de solicitar  ao Ministerio de Agricultura a convocatoria da mesa de seguimento do acordo lácteo e piden que se fagan públicos os datos das cisternas que descargan nas industrias do país para frear o dumping, unha práctica ilegal para afundir os prezos.

Algo que tamén serviría para facer un control da trazabilidade do produto e evitar que o leite foráneo acabe nun cartón con orixe nacional, tarefa que segundo o sindicato debe correr a cargo da Xunta da Galicia. 

Ainda que a negociación de novos contratos entre industria e produtores está suspendida pola COVID-19, dende o sindicato sospeitan que cando se retomen, a parte máis insolidaria da industria poida empregar como argumento negociador a posibilidade de traer leite de fóra máis barato, segundo desvela nunha entrevista concedida a Nós Diario

"As agricultoras e gandeiras estanse a xogar o pelexo para garantir o subministro e o Goberno español trata de fomentar a compra de produto estatal. O que non podemos permitir é que ao mesmo tempo miren para outro lado e permitan prácticas inmorais, ilegais e que atentan a sectores estratéxicos como é o da carne e o leite", conclúe Unións Agrarias. 

O Sindicato Labrego Galego recoñece pola súa banda ao respeito que non é sinxelo cuantificar canto leite foráneo está a entrar na nosa industria láctea ao tempo que fan un chamaento ás empresas do sector para que en momentos tan delicados como os actuais "eviten comportamentos especuladores e amosen compromiso social".