A Deputación de Pontevedra propuxo un selo de confianza na reunión do Consello de Turismo


Celebrouse onte a reunión do Consello de Turismo de Galicia, celebrada de xeito telemático, tras a invitación da Consellería ás deputacións galegas para participar na avaliación do impacto no sector da crise xerada polo COVID19. No encontro, no que tamén participou o sector privado, abordouse a posta en marcha dun plan de seguridade sanitaria en Galicia cara aos destinos turísticos, e a Deputación de Pontevedra  por medio da súa presidenta Carmela Silva, propuxo un selo de confianza que poida estenderse a “museos, praias, piscinas, e a todos os equipamentos e servizos que se prestan no camiño e nos espazos públicos”.

Desde a Deputación de Pontevedra se fixeron tamén propostas tendentes á necesidade de impulsar a diversificación e desestacionalización do turismo a través de paquetes conxuntos entre destinos galegos e xunto con Portugal. Ao respecto, a presidenta sinalou que “temos que ir cara ao turismo verde e saudable e as nosas accións deben pilotar sobre estes conceptos e reforzar a nosa marca, facendo un grande esforzo por ser capaces de crear paquetes turísticos entre Galicia e Portugal. 

“Pensamos que o turismo nacional e o de proximidade vai ser o que vai poder facer fronte a curto prazo á situación do sector turístico”, asegurou Silva, que tamén deu conta doutras accións tendentes á necesaria modernización do sector turístico con medidas de innovación, novas tecnoloxías, e calidade coas aceleradoras de empresas de turismo ligadas ás TIC, “algo no que xa traballamos pero que temos que impulsar moito máis”.

A presidenta informou no Consello que dende a Deputación de Pontevedra xa se ten contratado un estudo para analizar o impacto da COVID na provincia para coñecer cal será o comportamento do mercado, as tendencias turísticas e as oportunidades, así como a elaboración do Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023. 

A presidenta cualificou de “fundamental” a coordinación entre as institucións. “Debemos coordinarnos en todos os ámbitos da economía e de apoio aos sectores produtivos, moi particularmente en canto ao turismo que supón o 11% do PIB, que xera moitos empregos e é o instrumento que teñen moitos concellos, sobre todo os máis pequenos, para loitar contra a despoboamento”.