A Cidade da Cultura lanza unha visita virtual á súa exposición máis exitosa

A Cidade da Cultura de Galicia acaba de facilitar unha visita virtual á exposición "Galicia, un relato no mundo", que explora a interacción entre o territorio galego e o resto do planeta nun recorrido dende a prehistoria ata a actualidade que integra pezas de alto valor simbólico prestadas por prestixiosas coleccións de todo o mundo. 

A mostra, que debía manterse ata o12 de abril, non recibe visitas desde o 13 de marzo. Aínda así, no tempo que estivo aberta recibiu a 43.035 visitantes, converténdose na exposición coas mellores cifras de todas as programadas na Cidade da Cultura desde a súa inauguración. 

E agora todos podemos descubrila a través dunha ferramenta que ofrecerá a posibilidade de navegar desde o ordenador ou dispositivos móbiles entre as máis de trescentas pezas da exposición e descubrir os segredos que rodean xoias como a Biblia Kennicott, a Santa de Asorey ou o Guerreiro de Lesenho.

Ademais, a visita virtual incorporará un ampla variedade de contidos extra para enriquecer a experiencia, como vídeos con explicacións por parte do comisario, Manuel Gago, ou dos técnicos do Servizo de Mediación.

Paralelamente, a Fundación Cidade da Cultura contactou con todas as institucións e coleccionistas privados que prestan obras para informarlles de que as medidas sanitarias derivadas do estado de alarma obrigaban a aprazar as devolucións.

Do mesmo xeito, informou de que as pezas permanecerán en sala, vixiándose as condicións técnicas (temperatura, humidade…) e de seguridade para garantir a súa conservación nas mellores condicións. A Cidade da Cultura ampliou tamén o prazo do seguro ata o 30 de xuño, sen custe adicional para a Xunta de Galicia.

En canto a situación o permita procederase a devolución de todas as obras seguindo un programa deseñado polo Departamento de Exposicións da Fundación Cidade da Cultura e en colaboración con empresas especializadas no transporte de obras de arte.