Vista virtual á Torre de Hércules no día do Pai

Turismo da Coruña, no seu afán por seguir dando a coñecer o principal monumento da cidade como é a Torre de Hércules, fará visitas guiadas virtuais na súa páxina de Facebook tras o éxito acadado pola proba piloto realizada este martes, na que se chegaron a conectar ata 400 persoas a un tempo.

Desta maneira, este xoves, día de San Xosé, farase unha ás 12h dirixida a nenas e nenos e o próximo sábado, día 21, no mesmo horario, volverase a facer unha para todos os públicos como as que habitualmente se fan no día a día do faro romano.

Para poder ser visualizadas, as persoas que o desexen só terán que conectarse a facebook.com/torredehercules na hora indicada. Durante a visita poderán ir lanzando preguntas e dúbidas para o guía como se fai habitualmente nas visitas presenciais.

Por outra parte, Turismo da Coruña fai un chamamento a todos os cativos que están nas súas casas durante estes días a que envíen un debuxo da Torre de Hércules cun arco da vella.

O obxectivo desta iniciativa é empapelar o Centro de Interpretación e Atención a Visitantes no momento en que poida ser reaberto ao público cos gravados de todas as nenas e nenos durante estes días de peche.

Os debuxos terán que incluír eses dous elementos e terán que ser enviados ao correo electrónico torredehercules@coruna.es. Tamén poderán ser subidos ás redes sociais co cancelo #DebuxandoATorre