Turismo da Coruña segue coas visitas virtuais á Torre de Hércules

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña seguirá ofrecendo visitas guiadas virtuais na Torre de Hércules para continuar co labor de dar a coñecer o patrimonio cultural e turístico da cidade da Coruña durante estes días nos que debido ao estado de alarma non se pode saír da casa.

Para os vindeiros días están previstas varias visitas con enfoques distintos. Este xoves ás 12h, no Facebook da Torre de Hércules, ofrecerase unha para explicar a lenda de Breogán e unha das xoias da contorna do faro, a Rosa dos Ventos. O domingo a mediodía ofrecerase unha explicación do Parque Escultórico da Torre dirixida a nenas e nenos que se completará o domingo seguinte debido á magnitude do parque. O xoves 2 de abril ofrecerase unha visita na que se falará de Hércules e das diversas lendas que rodean o faro romano.

Durante a primeira semana de confinamento, Turismo da Coruña ofreceu a través da páxina de Facebook da Torre de Hércules tres visitas guiadas virtuais polo faro Patrimonio Mundial. Destas tres, unha foi dirixida aos máis cativos da casa que tivo enorme éxito, xa que chegou a acadar a cifra de 500 usuarios á vez conectados e obtivo máis dun milleiro de comentarios. En total, as tres visitas superan xa as 30.000 reproducións.

A maiores desta iniciativa, desde o pasado mércores, solicitáronse a todos os cativos debuxos da Torre de Hércules co arco da vella que se popularizou nos últimos días para axudar a levar os máis pequenos estes días de peche na casa.

O obxectivo é, que unha vez se levante o estado de alarma e se poida volver a abrir a Torre, con estes debuxos se recubra o Centro de Interpretación e Atención a Visitantes. Durante a primeira semana xa se recibiron aproximadamente 400 debuxos de nenas e nenos de todo o mundo.

Todos os cativos participantes recibirán a cambio do seu debuxo un carné de amiga/o da Torre de Hércules. Os debuxos teñen que ser enviados ao enderezo electrónico torredehercules@coruna.es e tamén poden ser compartidos nas redes sociais co cancelo #DebuxandoATorre.

Durante os próximos días anunciaranse novas iniciativas para seguir dando a coñecer a cidade de maneira virtual así como propostas en colaboración con plataformas estatais como Saborea España para dar apoio aos locais de hostalería da cidade que se viron afectados pola crise do Coronavirus.

A maiores, tamén se informa á cidadanía de que durante os días que permanezan pechadas as Oficinas de Turismo da Coruña, estas continúan ofrecendo soporte telefónico a través do teléfono 661687878 e do correo electrónico comunicacionturismo@coruna.es nos que se ofrecerá axuda en asuntos relacionados co traballo de Turismo da Coruña.