César Férnandez: Posponse ata novo aviso a LVII Feira do Viño do Ribeiro

O concello de Ribadavia e o CRDO Ribeiro vén de anunciar o aprazamento da LVII Feira do Viño do Ribeiro, prevista este ano para os días 1, 2 e 3 de maio de 2020, debido á situación especial que vivimos por mor do coronavirus. 

Unha decisión que "non é fácil porque estamos ante un evento senlleiro que xa está consolidado nesas datas", en palabras do alcalde César Férnandez, pero á que "as circunstancias obrigan". Nos vindeiros días, en función da situación e das medidas que tome o Goberno cando remate o confinamento de toda a poboación e se decrete o fin do Estado de Alarma no que estamos inmersos, levaranse a cabo varias reunións, tanto cos participantes inscritos para esta edición (adegas e colleiteiros) como entre os propios membros da organización, para debater e consensuar se o evento se puidera celebrar noutras datas ao longo do ano 2020 ou se, polo contrario, se cancela ata o vindeiro ano e ter lugar o evento no 2021.

Por suposto, o alcalde deixa claro que o obxectivo é manter a celebración noutras datas "sempre e cando estea de acordo o sector vitivinícola. Para nós é algo prioritario, un dos eventos senlleiros de Ribadavia, pero hai que facer cuadrar as axendas para que as adegas poidan estar na feira".

De primeiras, os meses de Xullo-Agosto semellan os máis indicados para celebrar a feira, sempre e cando as circunstancias o permitisen, xa que despois as adegas e colleiteiros comezan a tempada de traballo intensivo que trae consigo a vendima. Pero como recorda César Fernández, "o verán tamén sabemos que é complicado, temos a Mostra Internacional de Teatro e outra serie de actividades, habería que estudar se son compatibles". 

Na mesma liña expresouse o presidente do consello regulador do Ribeiro. Juan Casares tamén aposta por tratar de buscar novas datas, pero amósase cauto: "todo depende da evolución das circunstancias. Xa non falamos só das normas que temos agora, falamos das normas posteriores que relaxen ou non as aglomeracións. Todo apunta a que se se puidera encaixar no verán sempre e cando as normas o permitan se estudiaría, facelo despois sería moi complicado".