Pontevedra aproba a adxudicación do proxecto do Parque Forestal Periurbano da Fracha

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra vén de aprobar a proposta de adxudicación do proxecto construtivo do Parque Forestal Periurbano da Fracha á empresa Elsamex por 453.021,69 euros. A contratación tiña un prezo de licitación de 564.864,95 euros e un prazo de execución de 12 meses. Tíñanse presentado 15 empresas.

O proxecto construtivo do Parque Forestal da Fracha consiste no acondiciomanto dunha área que abrangue un total de 406 hectáreas nas parroquias de Marcón (110,72 Ha), Tomeza (36,88 Ha) e A Canicouva (258,40 Ha) e as actuacións máis salientables van encamiñadas a acadar unha revexetación forestal con especies forestais autóctonas, a creación de áreas de estancia e lúdicas, o tratamento antierosión do terreo, a recuperación ambiental das beiras dos ríos, e a recuperación, marcado e creación de sendas.

O proxecto construtivo do Parque Forestal Periurbano da Fracha está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.