O Son do Camiño amplía aforo e presenta o cartel da sua terceira edición

O festival Son do Camiño vén de presentar a súa terceira edición, na que conta con superar os 100.000 asistentes grazas á ampliación do aforo do Monte do Gozo e a un cartel encabezado por nomes como The National, The Chemical Brothers, Bad Bunny, Liam Gallagher, Jason Derulo, DJ Snake, Foals, Daddy Yankee, Armin Van Burren, Editors, Timmy Trumpet, Kase.O e Natos y Waor, entre outros.

A gran cita musical coa que a Xunta promove o Xacobeo 2021 celebrarase os días 18, 19 e 20 de xuño. O festival conta neste 2020 con tres escenarios, un máis que o ano pasado, un área de restauración e cámping con capacidade para 4.000 persoas. Ademais, por primeira vez estará operativo o renovado recinto de aloxamento xestionado por Carrís Hoteis.

O conselleiro de Cultura e turismo, Román Rodríguez subliñou durante a presnetación a relevancia dos artistas que acudirán a esta terceira edición do festival, xa que moitos deles foron cabezas de cartel nalgúns dos festivais e eventos máis importantes do mundo como a Super Bowl, o festival Coachella ou LollaPalooza, así como nas principais citas musicais a nivel nacional.

Do mesmo xeito, contan con algúns dos premios máis prestixiosos da industria musical, sumando ata 12 premios Grammy, e a meirande parte deles –en concreto un 88%– chega a esta cita presentando os seus últimos traballos, o que converte O Son do Camiño nun evento ligado ao panorama musical máis actual. De feito, os interpretes do festival suman máis de 35 billóns de escoitas nas principais plataformas de streaming e preto de 100 millóns de seguidores nas redes sociais, o que amosa a súa capacidade de mobilización.

Do mesmo xeito, o conselleiro resaltou o protagonismo das bandas e artistas da nosa Comunidade, con ata 15 actuacións de interpretes como Xoel López, Guadi Galego, Triángulo de Amor Bizarro, Presumido, Budiño, Escuchando Elefantes ou Cora Velasco. Neste sentido, recalcou que a cita contribuirá a difusión de Galicia e do talento local.

O cartel complétase cunha ampla variedade de artistas como Lola Índigo, Miss Cafeína, Carolina Durante, Rayden, The Killer Barbies, Sen Senra, Adriana Proenza, Furious Monkey House, Pablo Lesuit, Boyanka Kostova, Woyza, Kings of the Beach, Tigre y Diamante, Oddliquor, Inmir, Carolina Rubirosa, Les Castizos, Cha chá Soundsystem e Natalia Ferviú. 

Segundo informaron os organizadores, os abonos poranse á venda a partir do vindeiro martes 10 de marzo na web oficial do festival e en eventbrite.es, as canles autorizadas. Sairán á venda cun prezo especial de lanzamento de 59 euros máis gastos de xestión.