Mulleres de Arousa fronte ao Covid-19: un traballo continuo


Na ría de Arousa traballan miles de mulleres no sector do mar (unhas 5.572 rexistradas no CNAE e 2.024 no Réxime do Mar), concentrando o 40% do total de Galicia. É un zona produtora de peixe e marisco moi importante para Galicia e para España, de aí que a continuidade da súa actividade a pesar da pandemia do Covid-19 sexa crucial. Se xa de por sí o labor diario destas mulleres é clave, aínda o é máis na actual situación.

Desde o GALP Ría de Arousa achegamos datos e testemuñas de diferentes mulleres e entidades que seguen a traballar para achegar o produto máis fresco ás pescaderías e supermercados, arriscando a súa propia saúde e compatibilizando este esforzo cos coidados de familiares. É, por exemplo, o caso de Marta Bugallo, propietaria dunha pescadería en Vilagarcía de Arousa que, tras tomar as precaucións indicadas polas autoridades sanitarias, mantén as portas abertas en horario reducido. Marta e a súa parella manteñen unha actividade na que non falta a visita á Lonxa de Ribeira (onde mercan o produto), á depuradora e as entregas a domicilio, que nestes días concentran o 60% da vendas totais porque baixaron os ingresos procedentes doutros clientes, como o sector da hostalaría, que ten que permanecer pechado.

Gran actividade na conserva

No ámbito da conserva, aínda que hai contrastes entre empresas, a carga de traballo é importante, sobre todo pola elevada demanda deste tipo de produto entre a poboación que ten que permanecer illada nas súas casas. Hai empresas que están facendo quendas dobres para satisfacer a demanda e tamén para cumprir cos protocolos que esixen as autoridades sanitarias de distanciamento entre persoas traballadoras. Só na Arousa a conserva dá traballo a unhas 2.700 mulleres, segundo o CNAE, o que representa o 55,2% do total de mulleres empregadas neste sector en Galicia.

O mexillón é outro dos produtos que teñen unha gran relevancia na Arousa, xa que concentra en torno ao 70% das bateas e da produción deste molusco na nosa comunidade. Dolores Gómez, que traballa nas bateas familiares e tamén é a presidenta da Asociación de Produtores Mexilloeiros de Rianxo (Aspromeri), segue indo ao mar como de costume, se ben os pedidos baixaron, pero non pola pandemia, senón porque esta é unha época de desove.

Mariscadoras e turismo mariñeiro

Pola súa parte, as mariscadoras a pé, das que só na ría de Arousa hai máis de 1.300 (a metade de Galicia), están optando por quedar na casa a pesar de ter permiso para manter a súa actividade. Así o confirman desde a Asociación Mulleres do Mar da Arousa e a Confraría de Vilanova de Arousa, que explican que a demanda descendeu de forma considerable debido á situación provocada polo Covid-19. Desde o GALP manifestamos a nosa solidariedade con todas elas nestes momentos de dificultade.

Na Arousa, ademais das actividades baseadas na explotación dos recursos mariñeiros, hai outros sectores relacionados co mar que teñen unha grande importancia e que están mantendo actividade pese ao coronavirus. É o caso de empresas de turismo mariñeiro e náutico, como a que dirixe e xestiona Marta Iglesias na Illa de Arousa. Aínda que non pode celebrar talleres presenciais cos centros do ensino nin actividades de inmersión con turistas, ela e o seu equipo están aproveitando as restriccións para optimizar a súa estratexia dixital e mellorar os seus servizos para cando se reanude a actividade presencial.

Unha vez máis, desde o GALP reiteramos o noso agradecemento polo seu labor e tenacidade neste contexto de estado de alarma. E estamos á súa disposición para atender as súas necesidades.

Ademais, para poñer en valor o seu traballo, lembramos que na nosa web se pode consultar o estudo Aproximación á situación profesional das mulleres do mar da Ría de Arousa, enmarcado na campaña Mulleres da Arousa. O sal do mar, no que se inclúen datos sobre a súa contribución ao sector.