Medio Rural prohibe ata finais de mes os mercados tradicionais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar unha orde da Consellería do Medio Rural pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co Covid-19. A disposición céntrase na venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados que se realizan nos concellos, na venda ao por menor de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e no desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias. 

A celebración de mercados tradicionais e a venda directa de produtos do agro queda prohibida ata o 31 de marzo. O levantamento ou mantemento desta prohibición despois desa data poñerase en coñecemento da cidadanía a través da páxina web da Consellería do Medio Rural. 

En troques, fomentarase a venda de produtos agrícolas e gandeiros por medios alternativos que non impliquen presenza física, como por vía telefónica, con realización de pedidos a través da rede online (correo electrónico) ou similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor, e que eviten o desprazamento de persoas pola vía pública. 

Cando se levante esta prohibición, a venda directa nos mercados limitarase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e produtos perecedoiros, cunha serie de medidas específicas. 

Na orde sinálase tamén que as persoas vendedoras serán as titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou empregados da explotación.En canto ás persoas usuarias, establécese que a distancia mínima entre elas será de 2 metros, coas excepcións que establece ao efecto a normativa estatal. 

Sobre a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais, os establecementos que vendan os referidos produtos non se atoparían afectados pola suspensión de apertura decretada, de acordo coa normativa. Ademais, sen prexuízo da venda en establecemento, esta poderá realizarse taménde xeito ambulante, con desprazamento das persoas vendedoras ás localidades onde teñen aos seus clientes. 

Por último, a orde que hoxe publica o DOG determina tamén que as persoas agricultoras e viticultoras profesionais e os seus traballadores poderán efectuar os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e dos viñedos.