Medidas para conter a infección do coronavirus da Deputación de Ourense


A Deputación de Ourense suspende as actividades deportivas e formativas que se desenvolven nos centros dependentes da institución provincial, unha medida que se toma para conter a infección do coronavirus e que entrará en vigor a partires deste venres, 13 de marzo, e que se prolongará, en principio, ata o vindeiro 1 de abril.

Logo da reunión do Comité de Seguridade e Saúde, o goberno provincial tomou esta decisión, que afecta ás escolas deportivas o ximnasio e outras actividades de ámbito deportivo do Pazo dos Deportes "Paco Paz", así como aos cursos e demais actividades formativas que se realicen nas escolas de Gaitas, Danza, Artes e Oficios, Obradoiro de instrumentos, Centro Cultural "Marcos Valcárcel" e Teatro Principal ou en calquera outro centro ou dependencias da Deputación na provincia de Ourense onde teñan lugar actividades formativas.

Estas medidas poderían ser modificadas en función das necesidades e da evolución da situación, segundo aconsellen as administracións públicas competentes en materia de saúde pública. A Deputación de Ourense seguirá as instrucións que neste sentido se ditaminen.

Nesta liña, o Comité de Seguridade e Saúde da Deputación de Ourense, reunido esta mañá no Pazo Provincial, estableceu un protocolo especial de prevención e actuación contra o virus, acordando medidas estruturais e persoais centradas na hixienización e desinfección, así como a instalación de paneis informativos. Asemade, e canto ao rexistro de identificación dos traballadores, que actualmente se realiza de maneira electrónica (dixital), establécese que se faga de xeito manual, recolléndose a sinatura en cada departamento.