Lugo prepara a tempada de rutas fluviais pola Ribeira Sacra

A Deputación de Lugo acaba de aprobar a prestación o servizo de rutas fluviais en catamarán que se poñerá en marcha o sábado 4 de abril, na fin de semana anterior á Semana Santa, “co obxectivo de aproveitar o tirón de visitantes destas datas festivas para promoción turística da provincia”, segundo explicou o presidente do organismo, José Tomé.

Como en anos anteriores, as viaxes continuarán ata a ponte da Constitución, a principios de decembro, adaptándose o servizo nos últimos días da tempada á demanda de reservas.

A Deputación de Lugo volve a apostar así “por ofrecer este servizo turístico de calidade que xera un efecto multiplicador na provincia de Lugo en xeral, e na Ribeira Sacra en particular, en termos de pernoitas e de consumo no sector hostaleiro e comercial, sendo un incentivo para a iniciativa privada en xeral”, subliñou o Presidente, quen asegurou que as rutas fluviais en catamarán “contribúen deste xeito ó desenvolvemento económico da provincia a través do turismo e, singularmente, á proxección do territorio da Ribeira Sacra, favorecendo tamén a candidatura a Patrimonio da Humanidade”.

Nesta tempada mantéñense as dúas rutas que se viñan ofrecendo. Por unha banda, a Ruta Fluvial do Canón do Sil, unha travesía de dúas horas de duración que transcorre bordeando os municipios de Monforte, Sober, Castro Caldelas, Teixeira e Parada de Sil. E ademais, a Ruta Fluvial Cabo do Mundo, que bordea os municipios do Saviñao, Pantón e Chantada. 

As rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra experimentan dende hai anos un aumento continuo de viaxeiros. No 2019 a subida foi dun 5%, co que o número total de pasaxeiros ascendeu a preto de 62.000 persoas, e a día de hoxe xa son preto de 5.000 as reservas feitas para facer unha viaxe na tempada que arrancará o 4 de abril.