ICC eSports 2020 volve a Ourense coa ICC Week


Coas competicións e torneos que se celebrarán dentro da Semana das Industrias Culturais e Creativas, organizada pola Deputación de Ourense, a cidade converterase, un ano máis, na capital dos eSports, Un evento que no seu eido máis tecnolóxico, pretende ser punto de encontro da comunidade gamer galega.

Con este obxectivo, o ICC eSports 2020 trae a Ourense as mellores competicións de gaming do momento e será escenario das finais dos torneos máis importantes de eSports de España. Do 3 ao 5 de abril, a capital dos eSports reunirá a fanáticos do entretemento electrónico e do mundo dos videoxogos, para gozar coa experiencia única das competicións en directo. Os protagonistas serán os cinco videoxogos máis exitosos na actualidade: Fortnite, FIFA e a Super Competición de equipos de MundoGT con Gran Turismo Sport, F1 Codemasters e DiRT Rally 2.0. En Ourense daranse cita os mellores pilotos e equipos profesionais do panorama Simracing. Estas competicións serán ademais emitidas na canle de YouTube Movistar eSports.

Este 2020, MundoGT celebra o seu décimo aniversario e para festexalo traerá ata Ourense ICC eSports a fase final de dúas das súas competicións máis importantes: a SuperCompetición de Escudarías Gran Turismo Sport, a F1 2019 e o DiRT Rally 2.0. Nestas competicións participarán 20 equipos, incluídos moitos profesionais que compiten a nivel mundial.

Os certames de ICC eSports de Ourense desenvolveranse do 3 ao 5 de abril no Salón Nobel do Liceo de Ourense. A entrada é gratuíta para ver as competicións. A inscrición para participar nos diferentes torneos programados de FORTNITE, FIFA e MUNDOGT xa está aberta, na páxina web da ICC Week https://ourenseiccweek.com/gl/e-sports/ desde o 2 de marzo ata completar as prazas.

Ademais este festival, onde os protagonistas son os eSports, abrirá as súas portas coa charla de Erea Carbajales, licenciada en Etnomusicoloxía, que aportará a súa reflexión sobre "A evolución da música nos videoxogos", un relatorio de entrada gratuíta, que se celebrará o venres 3 ás 12.00 horas no Liceo de Ourense.