Galicia reclama garantías para o sector agrogandeiro

O conselleiro de Medio Rural, José González, aproveitou este xoves a súa videoconferencia co ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, e os demais conselleiros autonómicos do ramo para demandar garantías para o sector agrogandeiro e forestal galego e para os profesionais que seguen traballando no rural, con prórrogas de contratos ou medidas de protección axeitadas.

O titular de medio rural solicitou a suspensión de todos os mercados gandeiros no territorio nacional. Xustificouno debido a que a venda directa está permitida sen ter que ser a través destes mercados, e así o trasladaron os tratantes e algúns gandeiros ao propio conselleiro. Neste senso, sinalou que non é xusto que aqueles que teñan que sacar as reses das explotacións se arrisquen a contaminarse nestas instalacións, cando os tratantes están facendo a separación das reses en lotes en instalacións autorizadas e o gando está saíndo con normalidade. Polo tanto, asegurou, non hai problemas na venda directa aos puntos de destino destes animais.

Tamén puxo sobre a mesa a posibilidade da venda ambulante para as persoas que se dedican á distribución de produtos alimentarios de proximidade e para os vexetais a por maior e menor para a plantación en hortas, xa que o peche dos mercados lles está dificultando -dixo- chegar aos seus clientes. Neste aspecto, tamén trasladou que a Administración autonómica entende posible permitir a celebración de mercados municipais só con este tipo de produtos básicos e sempre respectando as distancias de seguridade entre os postos e evitando aglomeracións.

Ademais, José González propuxo a posibilidade de permitir a circulación de traballadores profesionais e non profesionais dos sectores agrícola, gandeiro e forestal que queiran desprazarse ata as súas parcelas ou lugares de traballo para facer certas actividades, sempre que acrediten a realización de tarefas agrarias e cumprindo as recomendacións sanitarias. Neste senso, sinalou que este tipo de movementos non supoñen un risco para a saúde pública, pois son desprazamentos individuais a zonas, normalmente, próximas ás vivendas, especialmente aludiu aos viticultores das diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Nesta liña, José González indicou que se deberían relaxar as esixencias nestes colectivos, para poder garantir a actividade e o subministro.

Finalmente e en relación co sector lácteo, un eido estratéxico na nosa comunidade, o conselleiro do Medio Rural trasladou a importancia de que se prorroguen os contratos alimentarios que venzan durante a vixencia do estado da alarma, para non deixar nunha situación de interinidade aos gandeiros de leite.