Galicia é produto, é gastronomía


A industria agroalimentaria galega reforzará a súa presenza na marca Galicia Calidade co obxectivo de que gañe en competitividade nos mercados. Este selo englobará, identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación, xunto cos produtos derivados das razas gandeiras autóctonas galegas, e tamén o selo Galega 100%, que recoñece e distingue o leite de calidade diferenciada producido nas explotacións leiteiras galegas. 

O obxectivo no 2020 é dar a coñecer este novo impulso, mediante un plan de acción estratéxico dirixido a prescriptores nacionais e internacionais, cun calendario que se estrutura en tres chanzos: galego, nacional e internacional. 

Con 36 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida Galicia é a terceira comunidade autónoma española con máis produtos de calidade certificados. Unha comunidade que non se entende sen a súa gastronomía, que constitúe un dos principais atractivos da súa ampla oferta turística e unha das principais motivacións para a viaxe. 

Cinco son denominacións de orixe de viño (Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei) e as catro IXP: Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e Ribeiras do Morrazo. Por outra banda, as indicacións xeográficas dos augardentes e dos licores tradicionais de Galicia protexen tanto o bagazo como o augardente de herbas, o licor de herbas e o licor café, bebidas que forman parte inseparable do noso imaxinario colectivo. 

As carnes sempre gozaron de prestixio e recoñecemento. No caso do vacún, Ternera Gallega, é a indicación xeográfica máis importante no sector cárnico español. A protección destas producións viuse potenciada nos últimos tempos coa creación da IXP Vaca galega e Boi galego. 

Tamén o sector cárnico de porcino galego de calidade ten o seu recoñecemento coa IXP Lacón Gallego e, no ámbito avícola, convén lembrar a incorporación aos selos de calidade do Capón de Vilalba. 

No sector lácteo, o indicativo “ Galega 100%” é un selo que garante a excelencia do produto e que este, ademais, ten como orixe explotacións da comunidade autónoma. Ademais, a calidade dos queixos está amparada por 4 denominacións de orixe protexidas (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Queixo Tetilla e San Simón da Costa). 

Outros produtos amparados son os pementos de Herbón, O Couto, Oímbra, Arnoia e Mougán, o primeiro por unha DO e os outros polas súas respectivas IXP. Os Grelos de Galicia son outro dos produtos da horta galega con calidade amparada por un indicativo específico, o mesmo que as castañas, as patacas ou o mel, a Faba de Lourenzá, o Pan de Cea, a Torta de Santiago, e o recente recoñecemento europeo para a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. 

A Agricultura Ecolóxica -denominación que, a diferenza das demais, non ten carácter xeográfico- é outro indicativo de calidade que rexistrou un gran desenvolvemento nos últimos anos. 

O amplo abanico de produtos alimentarios avala un poderío gastronómico fóra de toda dúbida, sobre todo cando esta despensa de excelencia ponse en mans dos grandes cociñeiros e cociñeiras desta terra.