FARANGULLA ELECTORAL _ Editorial HGg&T 224

O adianto das eleccións na nosa Autonomía provoca unha sensación de impasse no que se supoñía un formigueiro de proxectos e creatividade no horizonte xa inmediato do Xacobeo 2020, a pouco máis de medio ano despois da máis longa das cadencias (11 anos) en que se suceden os anos santos. Certo que a aínda flamante consellería de Cultura e Turismo ten nasas postas dende tempo atrás, que importantes liñas de actuación -tales son, precisamente, os eventos musicais, por exemplo- están atadas, pero tamén o é que as canles de participación e canalización de iniciativas sectoriais, esa oportunidade de enriquecer, redondear e converter nunha coral o producto -os productos- turísticos máis importantes e consolidados que ten Galicia… queda dalgún xeito cortado ou mediatizado tanto polos condicionantes legales que a convocatoria electoral ralentiza ou suspende, como pola propia incertidume sobre o resultado electoral, pois a estas alturas resulta ser unha incógnita a que banda política lle outorgarán as urnas o próximo goberno de Galicia e polo tanto a xestion do esperado Xacobeo 21.

Se as políticas turísticas desenvolvidas polos gobernos Feijóo foran determinantes para o resultado electoral -que cremos que non, e debera, xógase o 11% do PIB- a dereita teríao francamente complicado. Os crecementos experimentados foron e son máis consecuencia do rebufo orixinado polos movementos turísticos a tódolos niveis territoriais, que consecuencia tanxible das accións promocionais emprendidas aquí ou desde aquí. 


Xa apuntamos desde esta revista en tempos de euforia verbal que a crise de seguridade dos competitivos países do Mediterráneo desviou turistas cara a España, e que a consecuente masificación e acaparación de camas nesas costas e illas españolas, desviou turismo para o norte. Pero son movementos non consolidados, como xa se constata no último ano a medida que Túnez, Exipto, etc. van recobrando paz e confianza. 

Galicia ten nos Xacobeos o principal recurso, e este si está tan consolidado, como rutinario e apoucado é o funcionamento da administración turística, moito máis pendente de zafar o compromiso que debera ser coa excelencia, con afectos mediáticos domésticos, palurdos flashes supostamente estrelados, mentres nin está nin se espera ao goberno galego na solución aeroportuaria, ou cando a gastronomía que nos caracteriza como produto turístico de primeiro nivel está abandonada na oferta tradicional, e a da modernidade relegada ao montón no contexto do Estado. Galicia ocupaba a sexta posición no ranking turístico español por comunidades cando chegou Feijoo á presidencia da Xunta, e segue aí. Comemos farangullas, para sobrevivir.