"De momento pensamos conservar as datas do PortAmérica e do Son do Camiño" (Kin -Esmerarte)


A axencia Esmerarte está detrás de festivais tan potentes como o Son do Camiño e o Portamérica, ademáis de actuar como managers de artistas de primeiro nivel como Xoel López ou Vetusta Morla. Falamos co seu director, Joaquín Martínez (Kin), sobre as súas perspectivas de cara a este verán. 

¿Cómo estades vivindo a crise do COVID-19?

A verdade é que estamos nunha situación de impás, como toda a sociedade, desexando que pase canto antes, que os números baixen e que isto que nos tocou vivir pase da forma máis leve posible. 

O Son do Camiño estaba previsto para finais de xuño, o Portamérica para principios de Xullo. A vosa idea é poder manter estas datas?

Nós queremos traballar con prudencia, contemplando todas as posibilidades. Agora mesmo todo segue na celebración. O que estamos pensando de momento, quedando o tempo que queda, é conservar as datas que temos. Os aprazamentos farémolos se hai que facelos, pero non queremos meternos en ventanas temporais nas que xa hai eventos programados, estariámoslle facendo un fraco favor ao público. 

O que non contemplamos é a cancelación. Temos que ir coa prudencia necesaria, hai moitísimos elementos que poden ir cambiando semana a semana. O que pensábamos a semana pasada, comparada con esta ou coa que vén… Nós facemos unha serie de eventos en Galicia que son de especial relevancia para o público, un público que en moitos casos leva vinte anos vindo aos eventos que facemos. Nós debémonos a ese público. Hai que garantir a seguridade sanitaria e que se poida facer un evento de celebración, non ten sentido forzar a máquina nun momento que non se poida. Por moito que nos autoricen, se nós consideramos que non é o momento propicio para que o evento se realice nas condición de convivencia, de gozo… 

Tras este tempo de confinamento, celebrar un festival cando as cousas se normalicen pode xerar unha edición moi especial, que a xente colla con moitas ganas...

Ten que darse esa situación. Facer un evento forzado, por facelo, non está no noso horizonte. Os eventos fanse para que a xente goce, para que a xente o pase ben. Nós entendemos que hai que traballar no momento en que se poida traballar. Agora mesmo estamos na fase previa, escoitamos todo, pero dende a prudencia. 

Qué opinas dos festivais dixitais que se están promovendo a través das redes? Animades aos vosos artistas a participar?

A música é un elemento de bastante necesidade nestes momentos tan delicados. Todo o que sexa arrincar un sorriso, unha mensaxe positiva, unha emoción, un cambio de estado para calquera das persoas que están na súa casa… Para xente que o está pasando realmente mal dende o punto de vista de saúde, de incerteza, problemas económicos, inseguridades… Se unha canción que escoitas por internet sirve para amainar un pouco esa enerxía negativa, esa realidade que estamos vivindo… benvida é a música. 

É certo que nós non estamos promovendo unha iniciativa propia, xa que existen tantas o que facemos é sumarnos. Pero bueno, estamos na concienciación de que isto é unha situación difícil que está vivindo a humanidade, da que probablemente teñamos que aprender. Probablemente o mundo despois desta triste pasaxe teña que replantearse cara onde imos e que é o importante. 

No caso concreto de Xoel López, a corentena píllavos lanzando novo disco. Tedes pensado manter o calendario previsto?

Probablemente sigamos lanzando cancións, agora mesmo como o consumo non é tan físico… É darlle un contido á xente. Pero hai unha cuestión puramente loxística, estamos todos traballando dende a casa. E o proceso para o lanzamento dun disco tan importante na carreira de Xoel, tamén para nós, co cariño que lle estamos poñendo… Entendemos que ten sentido ir lanzando máis cancións e cando teñamos un tempo para poder reunirnos e falar todos xuntos poder facer un lanzamento máis normal. Iso no caso de Xoel, no caso de Vetusta Morla aprazamos unha serie de concertos, Carlos Sadness está no proceso de finalización do desarrollo do novo disco, estaba previsto que saíra a final de verán… O noso calendario permítenos pre-producir, pre-preparar moitas cousas.