Carballo organizará o congreso das "Cidades que Camiñan"

A vila de Carballo acollerá o próximo congreso da Rede de Cidades que Camiñan, unha asociación internacional aberta a todos os municipios interesados en mellorar a situación dos viandantes que xa lle outorgara a este concello o Premio Cidades que Camiñan 2018 na categoría de cidades de 20.000 a 100.000 habitantes. 

Carballo recolle o testemuño de Cádiz e asume "con orgullo, ganas e ilusión" o compromiso de organizar o próximo congreso, despois de recibir o apoio maioritario da asemblea de socios celebrada na cidade andaluza, na que se fixo unha valoración moi positiva do traballo que vimos desenvolvendo a prol dunha mobilidade máis sostible.

Deste xeito, despois de tres xornadas de traballo que lles permitiron estreitar relacións con municipios de toda a península, a concelleira de Planificación e Estratexia Urbana, Milagros Lantes e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, que estiveron acompañados polo arquitecto municipal, Alfredo Garrote, regresan a Carballo cunha importante tarefa que acometer: a organización da 8ª edición dun congreso que ten cada vez máis peso e que xa é unha referencia nas políticas de mobilidade non só no territorio español, senón cada vez máis a nivel internacional.


Estes encontros anuais, como o que vén de celebrarse en Cádiz a semana pasada, permiten reforzar proxectos comúns, como o Metrominuto, as cidades 30 ou os camiños escolares; así como tecer redes de colaboración e establecer novos contactos entre as 46 cidades asociadas, entre elas as galegas Pontevedra, que foi pioneira; Ferrol e O Carballiño, ademais de Carballo