Arousa Norte impulsará coa Deputación o xeoparque Idade de Ferro

Os alcaldes da Mancomunidade Arousa Norte vén de reunirse co vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, para preparar o proxecto de Xeoparque Idade de Ferro como unha liña de promoción turística e cultural do territorio.

No prazo de dous meses presentaranse as primeiras accións deste proxecto, que incluirá desde escavacións e sinalización dos principais recursos arqueolóxicos até deseño e realización de rutas ademais da elaboración de ferramentas de divulgación e visibilización. "Trátase dun proxecto de promoción turística e cultural que vai facer que esta comarca que goza xa de moito interese paisaxístico e como destino de praia pase a ser tamén un referente histórico arredor da Idade do Ferro", destacou o vicepresidente Xosé Regueira que fixo fincapé tamén na "estreita colaboración e na boa sintonía que se aprecia entre os concellos co obxectivo de sumar forzas para dar pasos adiante nunha iniciativa que porá o foco, de maneira especial, na intensa densidade de castros que existen no territorio".

Xosé Regueira destacou a implicación dos concellos e fixo fincapé nos beneficios de traballar de maneira mancomunada na Área de Turismo nun proxecto, que, segundo sinalou, ten similitudes na maneira de actuar con outros nos que está implicada a Deputación da Coruña como son o Xeoparque de Ortegal, o Parque do Megalitismo da Costa da Morte ou Compostela Rupestre.

O Castro de Isorna, en Rianxo; os de Neixón e de Achadizo, en Boiro; o de Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, e o Castro da Cidá, en Ribeira son algúns dos recursos deste proxecto que contará con identidade propia e actuacións para a mellora de sinalización e accesibilidade dos principais emprazamentos.