#aculturasegue cun completo programa de propostas dixitais

O goberno autonómico ten preparado unha serie de iniciativas para que a cultura siga durante o estado de alarma, con actividades pensadas para o tempo de ocio a través de internet, que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais, unha etiqueta á que a Xunta convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.

A iniciativa pretende recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais, prestarase atención individual ás próximas datas conmemorativas, comezando polo Día Mundial da Poesía, que se celebra hoxe mesmo, continuando polo Día do Teatro (27 de marzo) e seguindo polo Día das Artes Galegas (1 de abril) e o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril).

Para comezar, as bibliotecas porán a disposición a través da plataforma GaliciaLe 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos.

Neste sentido, e como novidade para todas as persoas curiosas polo Camiño e a cultura da peregrinación, lánzase a Bibliografía Xacobea, que recompila os traballos realizados por historiadores, filólogos, antropólogos, xeógrafos, arqueólogos etc., de moitos países do mundo. Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario desta web monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público interesado as actas dos congresos celebrados desde o ano 1993 polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Pola súa banda, os arquivos propoñen una viaxe polo tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos poden destacarse as exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicado o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.

Aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao través do mundo dixital. Na maioría deles pódese facer un percorrido completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria.

Tres boas opcións de visitas virtuais para comezar, por ser centros estar afastados das cidades e a súa interesante proposta museográfica, son o Museo do Castro de Viladonga e ao propio Castro, o Massó e as Pallozas e conxunto etnográfico do Cebreiro.

Visitar o noso patrimonio sobranceiro e coñecer a maxia dos nosos mosteiros e catedrais a través dunhas visitas virtuais 360º é tamén unha boa opción de lecer coa que desfrutar coñecendo un pouco mellor o noso legado. Un patrimonio cultural e natural que pode ser explorado tamén a través da canle de YouTube de Turismo de Galicia. E aínda que as Rutas Xacobeas non se poidan percorrer neste momento é posible recordar o gran valor cultural e os tesouros que gardan no seu seo desde as nosas casas con recursos como os presentes no web do Camiño de Santiago.

Son só algúns dos exemplos dunha ampla oferta cultural pensada para que toda a familia poida gozar dende a casa, á que estaremos atentos a través do hagstag #aculturasegue.