A Romaría Etnográfica Raigame 2020 queda cancelada


A ampliación de prazo do Estado de Alarma acordada en sesión plenaria do Congreso dos Deputados e que provocará un incremento no estado de paralización practicamente total da actividade socio-económica, administrativa e cultural no conxunto do Estado ata polo menos o próximo día 11 de abril, unido isto a que é máis que probable que a recuperación da normalidade no funcionamento social do país vaia ser realizada dun xeito paulatino.

E que é moito máis que posible que nesas primeiras semanas non se poidan organizar manifestacións de carácter social, cultural ou deportivas que concentren a un número masivo de xente nun determinado lugar, tal como está acontecendo con outros moitos eventos locais, provinciais, autonómicos, estatais e mesmo internacional, fai aconsellable decidir a cancelación da romaría etnográfica Raigame 2020, que como é coñecido debería ter lugar o próximo día 17 de maio con motivo das Letras Galegas.

Deixando patente, en primeiro lugar, a contrariedade que supón, tanto para o Concello de Celanova como para o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo e, polo tanto, para a Deputación provincial de Ourense, a toma desta drástica decisión e sendo conscientes do estado de decepción que pode causar para o pobo de Vilanova dos Infantes e para todas aquelas persoas que manteñen a súa fidelidade con Raigame, xa sexa dende a perspectiva da súa animación artesanal de oficios ou escénicas, xa dende a dos asistentes á mesma, dende as dúas institucións organizadoras emprazámolos a que manteñan intactas as súas preferencias por Raigame como unha das principais formas de celebración do Día das Letras Galegas e se comprometan a asistir, con máis entusiasmo se cabe, o próximo ano 2021, para cando estamos seguros de que volveremos con máis forza.