A Feira Internacional de Galicia íntégrase como novo membro do Clusaga


A Feira Internacional de Galicia ABanca acaba de unirse ao Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), pasando a formar parte dos máis de 90 socios cos que conta esta entidade. Entre eles atópanse moitos dos principais axentes da cadea de valor dos alimentos e as bebidas. 

O obxectivo da organización feiral é integrarse nos procesos de cooperación impulsados polo Clúster, participando en accións e proxectos colaborativos coas empresas e organizacións máis fortes e innovadoras do sector e contribuíndo tamén a formar unha masa crítica que permite fortalecer a competitividade, a internacionalización e a visibilidade do sector alimentario. 

A Feira Internacional de Galicia ABanca está moi vinculada coa alimentación, xa que un dos seus certames máis consolidados, Salimat Abanca, céntrase neste sector. O salón celebrará a súa 24ª edición do 4 ao 7 de xuño xunto coa 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. 

Ademais da implicación en proxectos conxuntos, a condición de socio do Clúster supón interesantes servizos, como a formación, o networking, o Inconsumer Marketlab, consistente en analiza as tendencias de consumo cos produtos e servizos das empresas; o Innstrategy, o cal ten como obxectivo implantar un sistema piloto de apoio á innovación; e o Inmarket, un sistema de información estratéxica que busca detectar oportunidades e ameazas. 

A incorporación da Feira Internacional de Galicia ABanca como socio do Clúster Alimentario de Galicia súmase á xa estreita colaboración que ambas entidades veñen mantendo dende hai anos. 

Así, acaban de renovar o acordo de colaboración iniciado xa en 2016, mediante o cal pretenden unir forzas para incidir na profesionalización de Salimat Abanca e potenciar os seus Encontros Internacionais de Compradores. Un convenio que permitiu aumentar notablemente a calidade dos importadores alimentarios presentes e que volverá maximizar na edición de 2020 a efectividade destas reunións de negocio.