A Deputación da Coruña suspende a participación en feiras turísticas polo coronavirus

O vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, anunciou a decisión de cancelar a participación no programa de feiras e outros eventos internacionais para evitar riscos de contaxio polo coronavirus. "Até que se coñeza a evolución do contaxio, por responsabilidade, paralizarase a promoción nas feiras internacionais de turismo", sinalou.

O servizo de Turismo cancelou o programa de feiras e encontros internacionais nos que tiña previsto participar como medida de prevención pola crise provocada polo coronavirus. "Por unha parte quérese evitar riscos de contaxio por parte do persoal da Deputación e tamén contribuír ao control da evolución do mapa de difusión da enfermidade", sinalou Xosé Regueira.

Desde o Servizo de Turismo valoran tamén que algúns destes eventos xa se cancelaron e outros anularanse ou trasladaranse de datas nos próximos días ademais de considerar que os que se manteñen están a ter unha baixa repercusión pola caída de participantes e a anulación da asistencia de moitos dos países de grande impacto no sector.