A Deputación da Coruña garante o investimento cultural para paliar a crise do coronavirus

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de anunciar unha batería de medidas que pretenden paliar o efecto da paralización provocada polo coronavirus no sector, garantindo a a contratación de artistas e animando aos concellos a manter na medida do posible a súa programación. 

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, dirixirase por carta aos concellos para animalos a manter a contratación na Rede Cultural en 2019, anunciando que permitirá cambios de datas nas actuacións a causa da pandemia. Ao respecto, a Deputación aprobou de maneira extraordinaria que os concellos poidan reprogramar as actuacións que se poderán realizar até o 31 de marzo de 2021.

Priorizar os pagamentos pendentes e axilizar ao máximo todos os trámites para os contratos e subvencións é outra das medidas que xa se activaron desde o servizo da Deputación que continúa traballando a través da plataforma dixital SUBTEL.

Cando se poña fin ao estado de alerta, concellos e entidades disporán aínda de tempo para solicitar as actuacións para as súas axendas culturais mais, neste sentido, a área de Cultura da Deputación anuncia que será flexible coas datas e posíbeis cambios no calendario debido ao coronavirus. Con isto, o obxectivo é, segundo sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto, "animar a concellos e entidades a manter o nivel de programación doutros anos co fin de que o sector sufra o mínimo posíbel debido á crise do coronavirus que está a ter un efecto moi negativo nun ámbito que vive de maneira especial de eventos públicos que foron cancelados".

Paralelamente, a Deputación da Coruña comunicou xa oficialmente ás compañías e artistas o mantemento das programacións propias que tiveron que ser adiadas polo estado de alerta. E finalmente, o deputado de Cultura, dirixirase á Consellaría de Cultura para solicitarlle que sexa sensíbel á situación de fonda preocupación polas consecuencias económicas da crise do COVID19 no sector cultural e, en consecuencia, redefina a programación do Xacobeo 2021 en función da necesidade de que o apoio á produción cultural galega sexa a prioridade absoluta.